Clorosoma

Esquema do clorosoma en bacterias verdes do xofre.[1]

O clorosoma é un complexo antena fotosintético presente nas bacterias verdes do xofre e nalgúns fotótrofos anoxixénicos filamentosos verdes (Chloroflexaceae, Oscillochloridaceae). Son diferentes a outros complexos antena porque son de gran tamaño e non teñen unha matriz proteica que sirva de sostén aos pigmentos fotosintéticos. As bacterias verdes do xofre son un grupo de organismos que xeralmente viven en ambientes con moi escasa iluminación, como, por exemplo, a profundidades de 100 m no mar Negro. A capacidade de captar a enerxía da luz e cedela rapidamente é esencial para estas bacterias, algunhas das cales só reciben uns poucos fotóns de luz por molécula de clorofila e por día. Para conseguir isto, a bacteria ten os clorosomas, os cales conteñen ata 250.000 moléculas de clorofila. Os clorosomas son corpos elipsoidais, e nas bacterias verdes do xofre a súa lonxitude vai de 100 a 200 nm, a largura de 50 a 100 nm e a altura de 15 a 30 nm.[2] Nos fotótrofos anoxixénicos filamentosos verdes os clorosomas son algo máis pequenos.

  1. Bryant, D.A. et al. Molecular Contacts for Chlorosome Envelope Proteins Revealed by Cross-Linking Studies with Chlorosomes from Chlorobium tepidum. Biochemistry 45, pp. 9095-9103 (2006)
  2. Martinez-Planells, Asunción; Arellano, Juan B.; Borrego, Carles M.; López-Iglesias, Carmen; Gich, Frederic; Garcia-Gil, Jesús (2002). "Determination of the topography and biometry of chlorosomes by atomic force microscopy". Photosynthesis Research 71 (1/2): 83–90. doi:10.1023/A:1014955614757. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy