Firmicutes

As Firmicutes (do latín: firmus cutis, "pel forte", referido aquí a "parede celular forte") son un filo de bacterias, a maioría das cales teñen unha estrutura da parede celular grampositiva. Porén, unhas poucas, como Megasphaera, Pectinatus, Selenomonas e Zymophilus, teñen unha pseudomembrana externa porosa que fai que presenten unha tinguidura gramnegativa.

En anteriores clasificacións recibiron o nome de Firmacutes, que despois se cambiou a Firmicutes cunha diminución na súa composición. Os científicos antes clasificaban en Firmicutes todas as bacterias grampositivas, pero recentemente defínenas como o grupo central de formas relacionadas chamado o grupo de baixo contido G+C, en contraste coas Actinobacteria. Pódense incluír aquí as Molicutes (micoplasmas, sen parede), que noutras clasificacións se clasifican como Tenericutes. Considérase sinónimo de Firmicutes a denominación Bacillota Gibbons et Murray 2021,[1] que foi proposta como nome oficial en 2021, aínda que isto causou controversia, xa que diversos autores prefiren seguir usando o nome Firmicutes pola súa tradición na literatura.[2]

As Firmicutes teñen células arredondadas (chamadas cocos) ou bacilares. Moitas Firmicutes producen endósporas, que son resistentes ao desecamento e poden sobrevivir en condicións estremas. Atópanse en diversos ambientes, e o grupo inclúe algúns notables patóxenos. As da familia das heliobacterias, producen enerxía por medio da fotosíntese. Firmicutes son uns dos microorganismos importantes que fan que se pique o viño, a cervexa ou a sidra.

  1. Oren A, Garrity GM (2021). "Valid publication of the names of forty-two phyla of prokaryotes". Int J Syst Evol Microbiol 71 (10): 5056. PMID 34694987. doi:10.1099/ijsem.0.005056. 
  2. Robitzki, Dan (4 January 2022). "Newly Renamed Prokaryote Phyla Cause Uproar". The Scientist Magazine (en inglés). Consultado o 23 May 2022. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy