A cobra na cultura popular galega

Cobra de escada, especie inofensiva pero, coma todas, considerada popularmente como velenosa
Artigo principal: Cobras.

A seguir recóllese a pegada das cobras na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

En xeral, en Galicia considéranse velenosas tódalas cobras, aínda que isto sexa absolutamente erróneo. Admítese popularmente que o seu veleno é tan terrible que, de non actuar a tempo, calquera trabada dunha cobra é mortal. Por norma, crese que a cobra ten o veleno no ferrete ou ferrón, denominacións populares da súa lingua bífida pero hai quen cre que o teñen tanto na cabeza coma no rabo e mesmo en algures se cre que se se lles corta o rabo perden o veleno (Risco, 1950). Pénsase que se a cobra se morde a si mesma tamén se envelena.

Na zona de Mondoñedo din que a cobra morre se se lle toca na cabeza cunha vara de abeleira (Risco).


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in