A guerra das galaxias | |
---|---|
Logotipo orixinal de Star Wars | |
Ficha técnica | |
Título orixinal |
|
Director | George Lucas |
Produtor | Gary Kurtz |
Guión | George Lucas |
Intérpretes | |
Música | John Williams |
Fotografía | Gilbert Taylor |
Montaxe |
|
Estudio | Lucasfilm |
Distribuidora | 20th Century Fox |
Estrea | 25 de maio de 1977 |
Duración | 121 minutos[1] |
Orixe | Estados Unidos[2] |
Xénero | Ciencia ficción, Aventuras |
Orzamento | 11 000 000 $[3][4] |
Recadación | 775 398 007 $[3] |
Filme anterior | Rogue One |
Filme seguinte | O imperio contraataca |
Na rede | |
https://www.starwars.com/films/star-wars-episode-iv-a-new-hope | |
Star Wars é unha película estadounidense de 1977 do subxénero de ciencia ficción space opera,[5] escrita e dirixida por George Lucas;[6] renomeada como Star Wars: Episode IV - A New Hope en 1999. En galego titulouse orixinalmente A guerra das galaxias[7] e tras ser renomeada coñécese como A guerra das galaxias: Episodio IV - Unha esperanza nova ou Star Wars: Episodio IV - Unha esperanza nova. Foi a primeira película que se estreou da saga Star Wars, e ordénase como a cuarta en termos da súa cronoloxía interna. Dous filmes subseguintes continuarían a trama da triloxía orixinal (O imperio contraataca e O retorno do Jedi), namentres que outra triloxía (The Phantom Menace, Attack of the Clones e Revenge of the Sith) describiría os eventos previos a A guerra das galaxias, centrada en torno ó antagonista principal Darth Vader. A estrea desta precuela provocou o cambio no título orixinal da primeira película, que pasou a incorporar o número de episodio IV (catro en numeración romana) e o subtítulo A New Hope («Unha esperanza nova» en galego).
O guión foi redactado por George Lucas mentres dirixía a súa primeira longametraxe, influenciado principalmente polos cómics de Flash Gordon, as películas sobre samurais de Akira Kurosawa e a obra The Hero with a Thousand Faces de Joseph Campbell. Ó finalizar o Festival de Cannes de 1971, Lucas firmou un acordo coa produtora Universal Studios para realizar dúas películas, que máis tarde se converterían en American Graffiti e Star Wars. O elenco estivo integrado por Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher, Peter Cushing, Alec Guinness, Anthony Daniels, Kenny Baker, Peter Mayhew e David Prowse; a rodaxe realizouse na estepa tunisiana, Londres e Guatemala. Os efectos especiais correron a cargo de Industrial Light & Magic, empresa creada especificamente para esta película.
A trama describe a historia dun grupo de guerrilleiros —coñecidos como a Alianza Rebelde— que ten como obxectivo destruír a estación espacial Estrela da Morte, creada polo opresor Imperio Galáctico. Dende unha perspectiva xeral, a historia enfócase nun mozo campesiño chamado Luke Skywalker, quen, de xeito repentino se converte nun heroe conforme acompaña o Mestre Jedi Obi-Wan Kenobi, nunha misión que o levará a unirse á Alianza Rebelde para axudarlles a destruír a estación espacial do Imperio.
A partir do seu lanzamento mundial, o 25 de maio de 1977, foi considerada un fito na historia do cine, principalmente polo uso de efectos especiais innovadores na época. Ademais, é unha das películas de máis éxito de tódolos tempos, así como unha das máis influentes na cinematografía contemporánea. Obtivo sete premios Óscar dun total de dez candidaturas (incluíndo a de «mellor película», que perdeu fronte a Annie Hall de Woody Allen). Star Wars converteuse na película que acadou máis recadación de tódolos tempos, superando a Tiburón (1975), alcanzando unha cifra superior ós 775 millóns USD en todo o mundo, e mantivo o récord ata que foi superada por E.T. the Extra-Terrestrial (1982) de Steven Spielberg. En 1989 a filmoteca National Film Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América engadiu o título á súa escolma, ó considerala unha «película cultural, estética ou historicamente relevante»,[8] e en 2004 o National Recording Registry seleccionou do mesmo xeito a banda sonora.[9] O guión de Lucas foi escollido polo gremio Writers Guild of America como un dos mellores xamais redactados.[10]
A película foi reeditada en varias ocasións a instancia de George Lucas, incorporando moitos cambios que inclúen; a adición de imaxes xeradas por ordenador, alteración de diálogos, reedición de secuencias, banda sonora mesturada e escenas engadidas.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome caixa