Abdelmadjid Tebboune (en árabe: عبد المجيد تبون), nado o 17 de novembro de 1945 en Méchria (Alxeria), é un político alxeriano, actual presidente de Alxeria dende o 19 de decembro de 2019.
Funcionario de carreira e membro da Fronte de Liberación Nacional, foi ministro en varios gobernos e primeiro ministro de Alxeria do 25 de maio ao 15 de agosto de 2017, o que o converte no xefe de goberno do país que menos tempo estivo no cargo.
Gañou as eleccións presidenciais de 2019 na primeira volta como candidato independente aínda que era membro do comité central do FLN, que non o apoiou oficialmente. A campaña para estas eleccións e o comezo do mandato de Tebboune estiveron marcados por manifestacións masivas ("Hirak") e por unha abstención récord.