Abella do mel

Abella
Apis mellifera

Rango fósil: Oligoceno-Actualidade
Clasificación científica
Reino: Animalia
Clase: Insecta
Orde: Hymenoptera
Suborde: Apocrita
Superfamilia: Apoidea
Familia: Apidae
Subfamilia: Apinae
Tribo: Apini
Xénero: Apis
Especie: Apis mellifera
Linnaeus, 1758
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

A abella, Apis mellifera,[1] é unha especie de insecto da orde dos himenópteros, suborde dos apócritos, superfamilia dos apoideos, familia dos ápidos e subfamilia dos apinos e tribo dos apini.[2]

Outros nomes vulgares coa que se coñece, ademais do oficial de abella, son os de abella do mel, abella melífera europea, abella melífera occidental ou abella común (este último porque é a especie de abella máis común de entre todas as abellas produtoras de mel do mundo —hai de 7 a 12 especies que a producen—).

É un insecto eusocial, que forma colonias formadas por unha soa femia fértil chamada abella raíña,[3] ou mestra,[4] da colmea, moitas femias estériles ou obreiras e un pequeno número de machos fértiles, os abellóns, abáboros, ou abázcaros,[5] que se orixinan de ovos non fecundados por un mecanismo denominado partenoxénese.

Cada colonia pode albergar decenas de miles de abellas. As actividades da colonia están organizadas por medio dunha complexa comunicación entre os individuos, na que interveñen sinais odoríferos e unha linguaxe de danzas.

A abella melífera europea foi un dos primeiros insectos domesticados, e segue a ser a principal especie que crían os apicultores tanto para a obtención do mel, e a cera coa que constrúen os seus favos, así como polo seu labor polinizador.

Coa axuda humana, a abella melífera europea vive agora en todos os continentes, excepto a Antártida. Debido á súa estendida crianza, esta especie é o polinizador máis importante para a agricultura en todo o mundo. Porén, diversas pragas e doenzas ameazan a esta abella, especialmente a chanada síndrome de despoboamento das colonias de abellas.

É tamén un importante organismo modelo en estudos científicos, especialmente nos campos da evolución social, aprendizaxe e memoria. Tamén se usaron estas abellas en estudos sobre a toxicidade dos pesticidas, para avaliar os impactos indirectos non pretendidos dos pesticidas comerciais.

  1. abella no Dicionario da RAG.
  2. Apis mellifera Linnaeus, 1758 no ITIS. Consultado o 12 de xuño de 2021.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para raíña. Acepción 4.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para abella.
  5. abellón, 1ªacep., no Dicionario da RAG.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy