Actina

Actina
Modelo de fitas da actina G.PDB 1j6z. Represéntanse no centro activo o ADP e o catión divalente, e un ión calcio en complexo (esfera verde).[1]
Identificadores
SímboloActin
PfamPF00022
InterProIPR004000
PROSITEPDOC00340
SCOPe2btf / SUPFAM

As actinas[2] son unha familia de proteínas globulares que forman os microfilamentos, un dos tres compoñentes fundamentais do citoesqueleto das células dos organismos eucariotas. A actina pode encontrarse como monómero en forma libre, denominado actina G, ou formando parte de polímeros lineares denominados microfilamentos ou actina F, que son esenciais para funcións celulares tan importantes coma a mobilidade e a contracción da célula durante a división celular. En vertebrados, identificáronse tres grandes grupos de isoformas da actina, chamadas alfa, beta, e gamma. As alfa encóntranse nos tecidos musculares, e son un dos constituíntes principais do aparato contráctil do músculo. As beta e as gamma coexisten na maior parte dos tipos celulares como compoñentes do citoesqueleto, e como mediadores da mobilidade celular interna.

A importancia da actina reflíctese na elevada porcentaxe que esta proteína supón no contido proteico total da célula e en que a súa secuencia está moi conservada, é dicir, que cambiou moi pouco ao longo da evolución, polo que se pode dicir que a súa estrutura foi optimizada. Presenta dúas características peculiares: é un encima que hidroliza ATP, a molécula enerxética biolóxica, e faino de maneira moi lenta, e ademais é a proteína que establece máis interaccións con outras proteínas de todas as coñecidas, o que lle permite realizar as máis variadas funcións, que afectan a case todos os aspectos da vida celular. A miosina é un exemplo de proteína que se une á actina. Outro exemplo é a vilina, que pode entrelazar a actina en feixes ou ben cortar os filamentos de actina, dependendo da concentración do catión calcio no medio.[3]

A actina, ao formar microfilamentos nun proceso dinámico proporciona unha andamiaxe que lle dá á célula a posibilidade de remodelar a súa forma rapidamente en resposta á súa contorna ou a sinais enviados polo organismo, por exemplo, aumentando a superficie celular para a absorción ou dando soporte á adhesión das células para formar tecidos. Sobre esta andamiaxe poden ancorarse outros encimas, orgánulos como os cilios, e dirixirse a deformación da membrana plasmática para permitir a endocitose ou a citocinese. Tamén pode producir movemento, por ela mesma ou axudada por motores moleculares. Dese xeito contribúe a procesos como o transporte intracelular de vesículas e orgánulos e á contracción muscular, ou a migración celular, importante no desenvolvemento embrionario, curación de feridas ou na invasividade do cancro. A orixe evolutiva desta proteína pode rastrearse nas células procariotas, nas cales existen equivalentes. Por último, é importante no control da expresión xénica.

Hai moitas doenzas que teñen a súa base en alteracións xenéticas en alelos dos xenes encargados da produción de actina ou das súas proteínas asociadas, e é tamén esencial no proceso de infección dalgúns microorganismos patóxenos. As mutacións nos distintos xenes de actina presentes en humanos ocasionan miopatías, variacións no tamaño e a función cardíaca e xordeira. Os compoñentes do citoesqueleto tamén teñen relación coa patoxenicidade de bacterias intracelulares e virus, especialmente en procesos relacionados coa evasión da resposta do sistema inmune.[4]

  1. PDB 1J6Z ; Otterbein LR, Graceffa P, Dominguez R (xullo de 2001). "The crystal structure of uncomplexed actin in the ADP state". Science 293 (5530): 708–11. doi:10.1126/science.1059700. PMID 11474115.
  2. Definición de Actina no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome biolcel
  4. Alberts; et al. (2004). Barcelona: Omega, ed. Biología molecular de la célula. ISBN 54-282-1351-8. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in