Algas verdes

Algas verdes

Stigeoclonium, un xénero de alga verde clorófita
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Plantae

inclúe:

exclúe:

As algas verdes son un amplo grupo de algas con clorofilas a e b e amidón, tradicionalmente clasificadas como protistas, pero que hoxe se consideran incluídas no reino das plantas verdes (Viridiplantae). As plantas terrestres evolucionaron a partir dun grupo de algas verdes, as carófitas.[1] As algas verdes comprenden as clorófitas e as carófitas e grupos relacionados. Son un grupo parafilético, xa que delas se exclúen tradicionalmente as plantas embriófitas que derivaron delas, pero o clado que comprende as algas verdes e as embriófitas é monofilético e é o que adoita denominarse Viridiplantae ou reino Plantae. As Viridiplantae estarían formadas polas clorófitas (un dos grupos das algas verdes) e as estreptófitas, e estas últimas divídense nas carófitas (o outro grupo das algas verdes) e as embriófitas (plantas terrestres).

As algas verdes poden ser fitoflaxelados unicelulares e coloniais, a maioría con dous flaxelos por célula, ou formas coloniais filamentosas e cocoides, ou algas verdes macroscópicas. Na orde Charales, que son os parentes máis estreitos das plantas terrestres, obsérvase unha diferenciación celular en tecidos completa. Hai unhas 8.000 especies de algas verdes, segundo algunhas estimacións.[2]

Algúns organismos dependen simbioticamente das algas verdes, xa que se benefician da fotosíntese que estas realizan. Os cloroplastos das euglénidas e cloraracniófitas adquiríronse pola inxestión de algas verdes,[1] e nas últimas conservan un nucleomorfo ou núcleo vestixial (á súa vez a orixe última dos cloroplastos foron bacterias fotosintéticas). As algas verdes encóntranse tamén como endosimbiontes no ciliado Paramecium, no cnidario Hydra viridissima e en vermes platihelmintos. Algunhas especies de algas verdes, concretamente as dos xéneros Trebouxia, da clase Trebouxiophyceae, e Trentepohlia, da clase Ulvophyceae, poden atoparse en asociacións simbióticas con fungos cos que forman liques. En xeral, a especie fúnxica dos liques non pode vivir en solitario, mentres que a especie algal con frecuencia pode vivir por separado na natureza. Trentepohlia é unha alga verde filamentosa que pode vivir independentemente no solo húmido, rochas ou codias de árbores ou ser o fotosimbionte nos liques da familia Graphidaceae.

  1. 1,0 1,1 Jeffrey D. Palmer, Douglas E. Soltis and Mark W. Chase (2004). "The plant tree of life: an overview and some points of view". American Journal of Botany 91 (10): 1437–1445. PMID 21652302. doi:10.3732/ajb.91.10.1437. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2010. Consultado o 22 de xaneiro de 2015. 
  2. Guiry, M.D. (2012). "How many species of algae are there?". Journal of Phycology 48: 1057–1063. doi:10.1111/j.1529-8817.2012.01222.x. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy