Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1522 (Gregoriano) |
Morte | valor descoñecido |
Abade | |
Datos persoais | |
Relixión | Cristianismo |
Actividade | |
Ocupación | relixioso |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 15 de xaneiro |
Amaro (coñecido coma Santo Amaro) foi un abade e navegante que segundo a tradición realizou unha atarefada viaxe polo mar até o Paraíso terreal, na que, atravesando o Océano, protagonizou cos seus compañeiros innumerábeis aventuras. É moi loado en Galicia, onde se venera o 15 de xaneiro. É patrón dos eivados.
Existen dous personaxes históricos que puideron servir de base para o mito: un deles foi un penitente francés, Amaro, que no século XIII peregrinou a Santiago de Compostela e que á súa volta se estableceu en Burgos, dedicando dende aquela os seus coidados aos doentes pobres e aos peregrinos no Hospital del Rey (fundado contra o ano 1195 por Afonso VIII). O outro candidato é Mauro de Anjou, discípulo de San Bieito de Nursia, e que fundou o primeiro mosteiro bieito da historia de Francia.
Sexa como for, arredor da figura do Amaro histórico aglutínanse toda unha sorte de tradicións pagás cristianizadas presentes en Galicia e Asturias, relacionadas cos immrama (viaxes ás illas paradisíacas do Occidente) irlandeses, e que ligan a historia deste santo coa de abades doutros países do Arco Atlántico como San Brandán, así como con mitos pagáns dos que as viaxes de Máel Dúin e Bran mac Febal constitúen bos exemplos.
Santo Amaro é hoxe venerado en multitude de ermidas galegas, como en Mourente (Pontevedra) ou Camposancos (A Guarda), así como no concello ourensán de San Amaro, que o celebra o 15 de xullo. Tamén se venera na pequena aldea do concello de Castrillón en Asturias, que leva o seu nome. En Portugal venérase en Coímbra e Viseu onde se lle ofrecen piñas, noces e figos secos; e tamén na parroquia de Ponta Delgada e en Beja.
Un dito popular di: Polo santo Amaro andan os trompos polo tellado[1], significando que é o momento de deixar de xogar cos peóns ou buxainas.