Amina

As aminas son compostos químicos orgánicos que se consideran derivados do amoníaco, orixinados pola substitución dos hidróxenos de dita molécula por radicais alquilo ou arilo (aromáticos) [1]. O grupo químico característico das aminas denomínase grupo amino. Nas aminas poden substituírse un, dous ou tres hidróxenos do amoníaco, dando lugar, respectivamente, a aminas primarias, secundarias ou terciarias [2]. As aminas denomínanse simples cando os grupos alquilo son iguais e mixtas cando son diferentes. Poden ser tamén cíclicas.

Amoníaco Amina primaria Amina secundaria Amina terciaria

Entre as aminas primarias están, por exemplo, a anilina e a metilamina; entre as secundarias, a dietilamina e a isopropilamina, e entre as terciarias, a dimetilbencilamina ou a trimetilamina. Teñen tamén a función amina os aminoácidos, as aminas bióxenas (por exemplo a histamina, dopamina), e as poliaminas (con varios grupos amino).

Os derivados inorgánicos do amoníaco tamén se consideran xeralmente aminas, como a cloramina (NClH2). Ás veces fálase de amina cuaternaria cando o nitróxeno está unido a catro grupos químicos e adquire carga positiva, pero segundo a IUPAC eses compostos deberían denominarse catións de amonio cuaternario ou compostos de amonio cuaternario (véxase colina). Os compostos nos que o átomo de nitróxeno está unido a un grupo carbonilo (C=O) coa estrutura R-C(=O)NR'R"‌ non son aminas senón amidas [3], as cales teñen propiedades moi diferentes.

  1. IUPAC Goldbook Amine
  2. McMurry, John E. (1992), Organic Chemistry (3rd ed.), Belmont: Wadsworth, ISBN 0-534-16218-5
  3. IUPAC Goldbook Amide

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy