Amor

Le printemps («A primavera», 1873), pintura de Pierre Auguste Cot.
Representación do amor (Erastes e Eromenos, Século V).

O amor é un concepto universal relativo á afinidade entre seres, definido de diversos xeitos segundo as diferentes ideoloxías e puntos de vista (artístico, científico, filosófico, relixioso). A miúdo, e fundamentalmente en Occidente, interprétase como un sentimento relacionado co afecto e o agarimo, e resultante e produtor dunha serie de actitudes, emocións e experiencias. No contexto filosófico, o amor é unha virtude que representa todo o afecto, a bondade e a compaixón do ser humano. Tamén se pode describir como accións dirixidas cara a outros e baseadas na compaixón, ou ben como accións dirixidas cara a outros (ou cara a un mesmo) e baseadas no afecto.[1]

En galego, a verba amor (do latín, amor, -ōris) abrangue unha gran cantidade de sentimentos diferentes, dende o desexo pasional e de intimidade do amor romántico, proximidade emocional asexual do amor familiar e o amor platónico,[2] até a profunda devoción ou unidade do amor relixioso.[3] Neste último terreo, transcende do sentimento e pasa a considerarse a manifestación dun estado da alma ou da mente, identificada nalgunhas relixións con Deus mesmo ou coa forza que mantén unido o universo.

As emocións asociadas ó amor poden ser extremadamente poderosas, chegando acotío a ser irresistibles. O amor nas súas diversas formas actúa como importante facilitador das relacións interpersonais e, debido á súa importancia psicolóxica central, é un dos temas máis frecuentes nas artes creativas (cine, literatura, música).

Dende o punto de vista da ciencia, o que se coñece como amor semella ser un estado evolucionado do primitivo instinto de supervivencia, que mantiña ós seres humanos unidos e heroicos ante as ameazas e facía máis doado a continuación da especie mediante a reprodución.[4]

A diversidade de usos e significados e a complexidade dos sentimentos que abarca fan que o amor sexa especialmente difícil de definir dun modo consistente, aínda que, basicamente, o amor é interpretado de dúas formas: baixo unha concepción altruísta, baseada na compaixón e a colaboración, e baixo outra egoísta, baseada no interese individual e a rivalidade. O egoísmo adoita estar relacionado co corpo e o mundo material; o altruísmo, coa alma e o mundo espiritual. Ambos son, segundo a ciencia actual, expresións de procesos cerebrais que a evolución proporcionou ao ser humano; a idea da alma, ou de algo parecido á alma, probablemente apareceu fai entre un millón e varios centos de miles de anos.[5]

A miúdo, sucede que individuos, grupos humanos ou empresas disfrazan o seu comportamento egoísta de altruísmo; é o que coñecemos como hipocrisía, e atopamos numerosos exemplos do devandito comportamento na publicidade. Recíprocamente, tamén pode ocorrer que, nun ambiente egoísta, un comportamento altruísta se disfrace de egoísmo: Oskar Schindler proporcionou un bo exemplo.

Ao longo da historia expresáronse, mesmo en culturas sen ningún contacto coñecido entre elas, conceptos que, con algunhas variacións, inclúen a dualidade esencial do ser humano: o feminino e o masculino, o ben e o mal, o yin e o yang, o ápeiron de Anaximandro.

  1. Fromm, Eric; "The Art of Loving", Harper Perennial (1956), Original English Version, ISBN 0-06-095828-6, ISBN 978-0-06-095828-2
  2. Kristeller, Paul Oskar (1980). Renaissance Thought and the Arts: Collected Essays. Princeton University. ISBN 0-691-02010-8. 
  3. Mascaró, Juan (2003). The Bhagavad Gita. Penguin Classics. ISBN 0-140-44918-3.  (J. Mascaró, translator)
  4. Helen Fisher. Why we love: the nature and chemistry of romantic love. 2004.
  5. Eduardo Punset. El alma está en el cerebro. 2007. Ed. Aguilar. ISBN 978-84-663-1031-4.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy