Animismo

Xamán urarina.

O animismo (do latín ánima, alma) é un concepto que abrangue diversas crenzas nas que tanto os obxectos (útiles de uso cotián ou ben aqueles reservados a ocasións especiais) como calquera elemento do mundo natural (montañas, ríos, o ceo, a terra, determinados lugares característicos, rochas, plantas, animais, árbores etc) están dotados de alma e son venerados ou tidos como deuses.

Malia caber dentro desta concepción múltiples variantes do fenómeno, como a crenza en seres espirituais, incluídas as almas humanas, na práctica a definición esténdese que seres sobrenaturais personificados, dotados de razón, intelixencia e vontade, habitan os obxectos inanimados e gobernan a súa existencia. Isto pódese expresar sinxelamente como que todo está vivo, é consciente ou ten unha alma.

En África o animismo atópase na súa versión máis complexa e rematada, sendo así que inclúe o concepto de magara ou forza vital universal, que conecta a todos os seres animados, así como a crenza nunha relación estreita entre as almas dos vivos e dos mortos. Noutros lugares o animismo é en cambio a crenza na que os obxectos (como animais, ferramentas e fenómenos naturais) son ou posúen expresións de vida intelixente.

Os neopaganos ás veces describen como animista ao seu sistema de crenzas; un exemplo desta idea é que a Deusa nai e o Deus cornudo coexisten en todas as cousas. Así mesmo, os panteístas igualan a Deus coa existencia.

O termo tamén é o nome dunha teoría da relixión proposta en 1871 polo antropólogo sir Edward Burnett Tylor no seu libro Primitive Culture (Cultura primitiva).


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy