Anno Domini (en latín, no ano do Señor), abreviado A.D., é un indicador de calendario que indica que a cifra antecedente está contada a partir do ano cristián do nacemento de Xesucristo, considerado o inicio da era cristiá. No galego contemporáneo emprégase con máis frecuencia o equivalente «despois de Cristo» (do grego Χριστός [jristós, o Unxido], referido a Xesús) abreviado d.C. para numerar os anos da era cristiá. Así, 1492 A.D. e 1492 d.C. representan ambos o ano en que Colón chegou a América.
Esta designación úsase para numerar os anos no calendario xuliano e no calendario gregoriano. A formulación latina orixinal Anno Domini Nostri Iesu Christi foi simplificada posteriormente como Anno Domini no 525 por Dionisio o Exiguo na súa Táboa de Pascuas, e foi adoptada na Europa occidental durante o século VIII e en Oriente no século XVI.