Anticomunismo

Capa da banda deseñada propagandística "Is this tomorrow", editada en 1947 pola Catechetical Guild Educational Society.

O Anticomunismo é a oposición ao comunismo. Historicamente, a palabra comunismo foi empregada para referirse a varios tipos de organización social e os seus partidarios, mais, dende mediados do século XIX, a corrente dominante do comunismo no mundo foi o marxismo. O comunismo marxista conseguiu moitos máis seguidores e opoñentes que todas as demais formas de comunismo xuntas. Así mesmo, o termo anticomunismo emprégase principalmente para referirse á oposición activa ao comunismo marxista.

O marxismo, e a forma de comunismo asociado a el, acadou a súa notoriedade no século XX. O anticomunismo organizado desenvolveuse como reacción á crecente popularidade do movemento comunista, e adoptou moitas formas ao longo do século XX. Os monárquicos conservadores europeos loitaron contra a primeira onda de revolucións comunistas dende 1917 a 1922. O fascismo e o nazismo baseáronse nunha forma violenta de anticomunismo; incitaban o medo á revolución comunista para obter poder político, e tentaron destruír o comunismo na segunda guerra mundial. Os nacionalistas loitaron contra os comunistas en numerosas guerras civís por todo o mundo. Tanto o conservadorismo como o liberalismo clásico conformasen gran parte das políticas exteriores anticomunistas das potencias occidentais, e dominaron o pensamento intelectual anticomunista na segunda metade do século XX.

Trala Revolución de Outubro en Rusia, o comunismo marxista quedou principalmente vencellado á Unión Soviética na imaxinación pública (aínda que había moitos marxistas e comunistas que non apoiaban á Unión Soviética e as súas políticas).[1] Como resultado, o anticomunismo e a oposición á Unión Soviética fixéronse practicamente indistinguibles, especialmente en política exterior. O anticomunismo foi un elemento importante na política exterior das Potencias do Eixo durante os anos 30 (Pacto Antikomintern) e dos Estados Unidos, o Reino Unido, o Xapón, Corea do Sur, Australia, o Canadá, Israel, e outros países capitalistas durante a guerra fría.

  1. https://archive.today/20120628234410/findarticles.com/p/articles/mi_m1510/is_1987_Fall/ai_5151511 The emerging left wing in the Soviet Union

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in