Antigo Exipto

Modelo:Xeografía políticaAntigo Exipto
Imaxe

Localización
Mapa
 30°N 30°L / 30, 30
Datos históricos
Precedido por
CreaciónIV milenio a. C. Editar o valor en Wikidata
Disolución30 a. C. Editar o valor en Wikidata

O antigo Exipto foi unha civilización do nordeste de África que se desenvolveu ao redor do curso medio e baixo do río Nilo, nos territorios que hoxe en día ocupan o actual estado de Exipto e o norte do Sudán. A civilización constituíuse cara ao 3150 a. C.[1] coa unificación do Alto e Baixo Exipto baixo o primeiro faraón e persistiu durante os seguintes tres milenios[2] ata a época romana.

Entre todas as antigas civilizacións do Oriente Próximo a exipcia destaca pola súa singularidade; constituída por poboacións de orixe norteafricano, engadíronse pobos semitas procedentes da rexión de Siria e Palestina, libios vindos do oeste e individuos de Nubia, que descenderon Nilo abaixo.

A súa historia divídese nunha serie de períodos estables ("imperios"), separados por períodos de relativa inestabilidade ("períodos intermedios"). Tralo fin do último imperio, o Imperio Novo, a civilización do antigo Exipto entrou nun período dun lento e constante declive, durante o cal Exipto foi conquistado por unha sucesión de poderes estranxeiros. O dominio dos faraóns acabouse o ano 31 a. C. cando o entón recente Imperio Romano liderado por Pompeu conquistou o Exipto tolemaico e incorporou o territorio como unha provincia romana.[3]

A civilización do antigo Exipto prosperou adaptándose ás condicións do val do río Nilo. Os antigos exipcios controlaron a irrigación dun val fértil que, ao producir excedente de colleitas, impulsou un gran desenvolvemento social e cultural. Cos recursos aforrados, a administración investiu na explotación mineira da zona, desenvolveuse un sistema de escritura, realizáronse construcións colectivas e proxectos agrícolas, impulsouse o comercio coas rexións veciñas, e formouse un poderoso exército que consolidou o dominio exipcio. Exercendo o control destas actividades había unha burocracia de escribas de elite, líderes relixiosos e administradores baixo a xerarquía do divino faraón, que garantía a cooperación e a unidade dos exipcios a través dun elaborado sistema de crenzas relixiosas.[4][5]

As pirámides son os símbolos máis coñecidos da civilización do antigo Exipto.

Entre a gran cantidade de progresos conseguidos pódense destacar a creación dun sistema matemático, do traballo na pedra, das técnicas de enxeñaría e arquitectura que facilitaron a construción de pirámides monumentais, templos e obeliscos, así como o desenvolvemento dunha actividade artesanal de faienza e vidro,[6] un sistema sanitario práctico e efectivo, novas formas de literatura, sistemas de irrigación, técnicas de produción agrícolas e o tratado de paz máis antigo.[7]

Exipto deixou un legado duradeiro. A arte e a arquitectura foron imitados por outros pobos, e as ruínas monumentais que sobreviviron durante séculos inspiraron a imaxinación de turistas e escritores. O descubrimento das antigüidades e varias escavacións realizadas desde os inicios da Idade Moderna dirixiron a atención científica cara á civilización exipcia e espertou un grande interese en todo o mundo.[8]

  1. Só despois do 664 a.C. son datas seguras. Para máis detalles véxase cronoloxía exipcia. Digital Egypt for Universities, University College London (ed.). "Chronology" (en inglés). Consultado o 25-03-2008. 
  2. Dodson (2004) páx. 46
  3. Clayton (1994) pàg. 217
  4. James (2005) páx. 8
  5. Manuelian (1998) páx. 6–7
  6. A faienza é barro vernizada ou esmaltada.
  7. Clayton (1994) páx. 153
  8. James (2005) páx. 84

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in