As antocianidinas son pigmentos de plantas comúns, e son a parte sen molécula de azucre das antocianinas (glicósidos cos que non hai que confundilas). A súa molécula está baseada no catión flavilio,[1] un ión oxonio con varios grupos substituídos por átomos de hidróxeno. Xeralmente cambian de cor de vermello a púrpura, azul e verde azulado en función do pH.
As antocianidinas son unha importante subclase de colorantes polimetinas e flavonoides. O catión flavilio é un catión cromenilio cun grupo fenil substituído na posición 2; e o cromenilio (tamén chamado benzopirilio) é unha versión bicíclica do pirilio. A carga positiva pode moverse pola molécula.
Identificáronse debidamente polo menos 31 antocianidinas monómeras en organismos vivos, principalmente como compoñentes centrais das antocianinas. Estas últimas son as responsables das cores vermellas, púrpuras, azuis ou negras de moitas froitas (como uvas e arandos), e de flores (como as rosas), follas (como as da lombarda) e mesmo de tubérculos ou bulbos (como ravos e iñames púrpuras). Tamén se encontran nalgúns animais, procedentes da dieta.