Aparello respiratorio

Aparello respiratorio
Vista esquemática do aparello respiratorio humano (en castelán)
Esquema do aparello respiratorio humano
Latín systema respiratorium

O sistema, aparello ou aparato respiratorio dun organismo aerobio, é un sistema biolóxico constituído por un conxunto específico de órganos e estruturas que interveñen na respiración, é dicir, no intercambio de gases respiratorios (osíxeno e dióxido de carbono) entre o organismo e a súa contorna. A anatomía e fisioloxía do sistema respiratorio é moi variable, dependendo do tamaño do organismo, do hábitat no que vive, e da súa historia evolutiva.

Nos animais terrestres, a superficie respiratoria interiorízase como revestimentos dos pulmóns.[1] A hematose ou intercambio de gases nos pulmóns ocorre en millóns de pequenas saquetas, chamadas alvéolos nos mamíferos e réptiles, e aurículas nas aves. Estas microscópicas saquetas de aire teñen un abastecemento de sangue moi rico, poñendo así o aire en estreito contacto co sangue.[2] Estas saquetas aéreas comunícanse co ambiente externo a través dun sistema de vías respiratorias, ou tubos ocos, dos cales o máis grande é a traquea, que se ramifica no medio do peito nos dous bronquios principais. Estes entran nos pulmóns onde se ramifican en bronquios secundarios e terciarios, progresivamente máis estreitos, que se ramifican en numerosos tubos máis pequenos, os bronquíolos, chamados parabronquios nas aves, que rematan cadanseu nun alvéolo pulmonar nos mamímeros e nunha aurícula nas aves. O aire ten que ser bombeado desde o ambiente ata os alvéolos ou aurículas polo proceso de respiración que realizan os músculos da respiración.

Na maioría dos peixes e un número significativo doutros animais acuáticos, tanto vertebrados coma invertebrados, o sistema respiratorio consta de branquias, que son órganos parcial ou totalmente externos, bañados no ambiente acuoso. Esta auga flúe sobre as branquias por diversos medios activos ou pasivos. O intercambio de gases prodúcese nas branquias, que consisten en filamentos delgados ou moi planos e láminas que expoñen unha superficie moi grande de tecido vascularizado á auga.

Outros animais, coma os insectos, teñen sistemas respiratorios con características anatómicas moi simples, e nos anfibios a pel mesma xoga un rol vital no intercambio de gases. As plantas tamén teñen sistemas respiratorios, pero a direccionalidade do intercambio de gases pode ser oposta á dos animais. O sistema respiratorio das plantas inclúe características anatómicas coma as estomas, que se atopan en varias partes da planta.[3]

  1. Campbell, Neil A. (1990). Biology (en inglés) (2ª ed.). Redwood City, California: Benjamin/Cummings Pub. Co. pp. 834–835. ISBN 0-8053-1800-3. 
  2. Hsia, CC; Hyde, DM; Weibel, ER (15 de marzo de 2016). "Lung Structure and the Intrinsic Challenges of Gas Exchange". Comprehensive Physiology (en inglés) 6 (2): 827–895. PMC 5026132. PMID 27065169. doi:10.1002/cphy.c150028. 
  3. West, John B. (1995). Respiratory physiology: the essentials (en inglés). Baltimore: Williams & Wilkins. pp. 1–10. ISBN 0-683-08937-4. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in