A apoptose,[1] do grego antigo: ἀπόπτωσις, romanizado: apóptōsis, lit. 'acción de caer',[2] é o principal tipo de morte celular programada, é un xeito de "autodestrución celular" que require enerxía e síntese proteica para a súa execución. Está relacionada coa homeostase na regulación fisiolóxica do tamaño dos tecidos, exercendo un papel oposto ao da mitose. O termo é derivado do grego, que se refería á queda das follas das árbores no outono, un exemplo de morte programada fisiolóxica e axeitada que tamén implica a renovación.
Ocorre no desenvolvemento embrionario, na organoxénese, na renovación de células epiteliais e hematopoéticas, na involución cíclica dos órganos reprodutivos da muller, na atrofia inducida pola remoción de factores de crecemento ou hormonais, na involución dalgúns órganos e aínda na regresión de tumores. Por tanto consiste nun xeito de morte programada, desexábel e necesaria que participa na formación dos órganos e que persiste nalgúns sistemas adultos como a pel e o sistema inmunolóxico.
Como a apoptose é a principal forma de morte celular programada, moitas veces ambos os termos aparecen usados como sinónimos. Non obstante, conforme se descubriron novos tipos de morte celular programada, este termo foi adquirindo un significado amplo. A apoptose denomínase tamén morte celular programada de tipo I.