Arbusto

Especies de arbustos típicas nas matogueiras galegas: toxo molar (Ulex minor) en amarelo con queiroas (Calluna vulgaris), en rosa.

Un arbusto é un vexetal leñoso de mediano porte, entre as herbáceas e as árbores. É un termo difícil de describir e algunhas especies consideradas arbustos poden acadar tamaño de árbores en boas circunstancias.

A diferenza das árbores, que teñen un só talo ou toro, considérase que os arbustos ramifican dende o chan, tendo polo tanto varios talos. Os arbustos poden ser miúdos, incluso de tamaños inferiores a moitas herbáceas, e neste caso tamén son chamados gamallos[1] (como é o caso das urces); outros poden acadar varios metros de altura, e son considerados ás veces arboriñas (é o caso da abeleira).

Non todas as plantas lígneas ramificadas dende a base son consideradas arbustos; por exemplo, o tomiño (xénero Thymus) ou o cantroxo (xénero Lavandula) son matos leñosos ou, como tamén se di, subarbustos. Termos coma árbore, arbusto ou gamallo/mato describen biotipos na lingua común e son máis ou menos equivalentes doutros técnicos; os equivalentes botánicos para este concepto son os termos caméfito, nanofanerófito e microfanerófito.

É frecuente que especies que se presentan normalmente como arbustos crezan coma árbores onde as circunstancias ecolóxicas son distintas, como ocorre co Quercus coccifera no norte de África, ou por un esforzo deliberado no cultivo, como se ve ás veces co loendro (Nerium oleander).

As plantas rubideiras tamén se denominan ás veces arbustos gateadores.

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 20 de marzo de 2013. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy