Os arcos de illas[1] ou arcos insulares[1] son longas cadeas de illas xeralmente con volcáns activos e unha intensa actividade sísmica que se encontran ao longo dos bordos converxentes entre placas tectónicas. A maioría destas illas orixínanse sobre a codia oceánica e son o resultado do descenso da litosfera ao manto en zonas de subdución. Son a maneira principal de producirse o crecemento continental.[2]
Os arcos de illas poden ser activos ou inactivos baseándose na súa sismicidade e presenza de volcáns activos. Os arcos activos son as cristas de volcáns recentes cunha zona sísmica profunda asociada. Tamén posúen unha distintiva forma curvada, unha cadea de volcáns activos ou recentemente extintos, unha fosa oceánica profunda asociada e unha gran anomalía de Bouguer negativa no lado convexo do arco volcánico. A pequena anomalía gravitatoria positiva asociada cos propios arcos volcánicos foi interpretada por moitos autores como debida á presenza de rochas volcánicas densas baixo o arco. Os arcos inactivos son unha cadea de illas que conteñen rochas volcánicas e volcanoclásticas máis vellas.[3]
A forma curvada de moitas cadeas volcánicas e o ángulo da litosfera descendente están relacionados.[4] Se a parte oceánica da placa se representa polo leito do océano do lado convexo do arco e se a zona de flexión aparece baixo a fosa oceánica, entón a parte desviada da placa coincide aproximadamente coa zona de Benioff que hai baixo a maioría dos arcos.