Arqueas

Arqueas
Rango fósil: Paleoarcaico – Recente

Halobacteria sp. NRC-1;
cada célula mide uns 5 μm
Clasificación científica
Dominio: Archaea
Woese, Kandler & Wheelis, 1990
Reinos e filos

As arqueas (Archaea, do grego ἀρχαῖα 'os antigos') son un grupo de microorganismos unicelulares de morfoloxía procariótica (sen núcleo nin, en xeral, orgánulos membranosos internos), que forman un dos tres grandes dominios dos seres vivos, e que son diferentes das bacterias.

No pasado as arqueas foran clasificadas coas bacterias como procariotas encadradas no antigo reino Monera e recibían o nome de arquebacterias, pero esta clasificación xa non se utiliza.[1] En realidade, as arqueas teñen unha historia evolutiva independente e mostran moitas diferenzas na súa bioquímica coas outras formas de vida, polo que foron clasificadas nun dominio separado dentro do sistema de tres dominios: Archaea, Bacteria e Eukaryota.[2]

As Archaea divídense en cinco filos recoñecidos, pero pénsase que poden haber máis. Destes grupos, os Crenarchaeota e os Euryarchaeota son os máis intensamente estudados. A clasificación das arqueas é aínda difícil, porque a gran maioría nunca foron estudadas no laboratorio e só foron detectadas por análises dos seus ácidos nucleicos en mostras tomadas do ambiente.[3][4]

As arqueas e as bacterias son bastante similares en tamaño e forma, aínda que unhas poucas arqueas teñen formas moi pouco comúns, como as células de forma cadrada aplanadas de Haloquadratum walsbyi[5]. Malia a súa semellanza en aspecto coas bacterias, as arqueas posúen xenes e varias rutas metabólicas que son máis parecidas aos dos eucariotas, como os encimas implicados na transcrición xenética e na tradución de proteínas. Outros aspectos da bioquímica das arqueas son tamén exclusivos, como o feito de presentaren enlaces éter nos seus lípidos da membrana plasmática.[6] As arqueas utilizan unha variedade de fontes de enerxía moito maior cós eucariotas, que van desde compostos orgánicos correntes como azucres, a amoníaco, ións metálicos ou mesmo gas hidróxeno. As arqueas tolerantes ao sal (as haloarqueas) utilizan a luz do sol como fonte de enerxía, e outras especies de arqueas fixan o carbono; pero, a diferenza de plantas e cianobacterias, ningunha especie de arqueas pode facer as dúas cousas. As arqueas reprodúcense asexualmente por fisión binaria, fragmentación ou xemación, pero, a diferenza de bacterias e eucariotas, ningunha forma esporas.[7]

Inicialmente, as arqueas eran consideradas todas extremófilas que vivían en ambientes con duras condicións, como fontes termais e lagos salgados, pero desde entón atopáronse arqueas nos máis diversos hábitats, como o solo, océanos, pantanos e no colon humano.[8] As arqueas son especialmente numerosas nos océanos, e as arqueas do plancto poden ser un dos grupos de seres vivos máis abundantes do planeta. As Archaea son hoxe recoñecidas como unha parte fundamental da vida na Terra, xa que xogan un papel nos ciclos do carbono e do nitróxeno. Non existen exemplos claros de arqueas patóxenas ou parasitas, pero si de mutualistas ou comensais. Un exemplo son os metanóxenos que habitan nos intestinos de humanos e ruminantes; nestes últimos a súa grande abundancia facilita a dixestión. Os metanóxenos utilízanse para a produción de biogás[9] e no tratamento de augas residuais,[10] e certos encimas de arqueas, que poden resistir altas temperaturas e solventes orgánicos, utilízanse en biotecnoloxía.

  1. Pace NR (maio de 2006). "Time for a change". Nature 441 (7091): 289. Bibcode:2006Natur.441..289P. PMID 16710401. doi:10.1038/441289a. 
  2. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Woese90
  3. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Theron2000
  4. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Schmidt2006
  5. Non confundir con Haloarcula quadrata, que ten forma similar e foi atopada nas mesmas lagoas salinas.
  6. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome De Rosa
  7. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome de Queiroz
  8. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome DeLong
  9. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Schiraldi
  10. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Schimel

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy