Arquitectura do Barroco

A abadía de Melk (Stift Melk), Wachau, Austria.
Sta. Maria della Salute, Venecia

A arquitectura do Barroco, tamén coñecida como arquitectura barroca, é un período da historia da arquitectura que veu precedida do Renacemento e do Manierismo; xerouse en Roma durante o século XVII e estendeuse até mediados do século XVIII polos Estados absolutistas europeos.

O termo Barroco, derivado do portugués barru, "perla de forma diferente ou irregular", utilizouse nun primeiro momento de forma despectiva para indicar a falta de regularidade e orde do novo estilo. A característica principal da arquitectura barroca foi a utilización de composicións baseadas en puntos, curvas, elipses e espirais, así como figuras policéntricas complexas compostas de motivos que se intercalaban uns con outros. A arquitectura valeuse da pintura, a escultura e os estucados para crear conxuntos artísticos teatrais e exuberantes que servisen para enxalzar os monarcas que os encargaron.

Nalgúns países europeos como Francia e Inglaterra e noutras rexións da Europa setentrional produciuse un movemento máis racionalista derivado directamente do Renacemento que se denominou Clasicismo barroco. Ao longo do século XVIII foise desenvolvendo en Francia un movemento derivado do Barroco que multiplicaba a súa exuberancia e baseábase fundamentalmente nas artes decorativas que se denominou Rococó e acabouse exportando a boa parte de Europa.

Cúpula da Basílica de San Pedro de Roma.
Fachada de San Carlo Borromeo en Noto, Sicilia.

Contrariamente ás teorías segundo as cales o movemento barroco xurdiu a partir do Manierismo, foi o Renacemento tardío o movemento que acabou desencadeando en último termo o Barroco. De feito, a arquitectura manierista non foi suficientemente revolucionaria para evolucionar radicalmente, nun sentido espacial e non só superficial, a partir dos estilos da antigüidade aos novos fins populares e retóricos da época do contrarreformismo.

Xa no século XVI, Miguel Anxo Buonarroti anunciara o Barroco dunha forma colosal e masiva na cúpula da Basílica de San Pedro de Roma, así como as alteracións nas proporcións e as tensións das ordes clásicas expresados na escaleira de acceso á Biblioteca Laurenciana de Florencia, do mesmo autor, e a enorme cornixa engadida ao Palacio Farnese. Estas intervencións suscitaran diversos comentarios na súa época pola súa brusca alteración das proporcións clásicas canónicas. Non obstante, noutras obras Miguel Anxo cedera á influencia manierista, polo que foi só tras o fin do Manierismo cando se redescubriu a Miguel Anxo como o pai do Barroco.

O novo estilo desenvolveuse en Roma, e alcanzou o seu momento álxido entre 1630 e 1670; a partir de entón o Barroco estendeuse polo resto de Italia e de Europa, mentres que no século XVIII Roma volveu de novo ao Clasicismo seguindo o exemplo de París.

A influencia do Barroco non se limitou ao século XVII; a principios do século XVIII desenvolveuse o estilo denominado Rococó, que non sendo unha pura continuación do primeiro podería ser considerado como a última fase do Barroco.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in