Arte moderna é un termo referido á maior parte da produción artística dende finais do século XIX ata aproximadamente os anos 1970. Producións recentes son máis a miúdo denominadas arte contemporánea. A arte moderna ten un novo achegamento á arte, onde xa non é importante a representación literal (a través de pintura ou escultura). A invención da fotografía fixera esta función artística obsoleta. No seu lugar, os artistas comezaron a experimentar con novos puntos de vista, con novas ideas sobre a natureza, materiais e funcións artísticas, a miúdo en formas abstractas.
A noción de arte moderna está relacionada co modernismo.
Durante as súas primeiras décadas, a arte moderna foi un fenómeno exclusivamente europeo. As primeiras sementes das ideas artísticas modernas viñeron de artistas que traballaban nos movementos romántico e realista. Máis tarde, representantes do impresionismo e postimpresionismo comezaron a experimentar con novos xeitos de representación da luz e o espazo a través do cor e a pintura. Nos anos previos á primeira guerra mundial, unha explosión de creatividade tivo lugar co fauvismo, cubismo, expresionismo e futurismo.
A primeira guerra mundial trouxo consigo a fin desta fase, pero indicou o inicio dunha serie de movementos antiartísticos, como o dadá e o traballo de Marcel Duchamp e o surrealismo. Tamén grupos como de Stijl e Bauhaus acababan de comezar a desenvolver novas ideas sobre a interrelación das artes, arquitectura, deseño e educación artística.
A arte moderna foi introducida en América durante a primeira guerra mundial cando un número de artistas nos barrios de Montmartre e Montparnasse en París fuxiron da guerra. Francis Picabia (1879-1953), foi o responsable da chegada da arte moderna á cidade de Nova York. Así a todo, foi soamente tras a segunda guerra mundial cando os Estados Unidos se converteron no centro de atención dos novos movementos artísticos. Os anos 1950 e 1960 viron a aparición do expresionismo abstracto, arte pop, pop art e minimalismo; a finais dos anos 1960 e os anos 1970, apareceran Happening e Fluxus e Videoarte e land art, performance art, arte conceptual e fotorrealismo.
Nesta época, un número de artistas e arquitectos comezaran a rexeitar a idea de "moderno" e comezaron a crear obras tipicamente posmodernistas.
Dende a era de posguerra, menos artistas do que en etapas anteriores usaban pintura como medio principal. No seu lugar, xeneralizáronse as grandes instalacións. Dende os anos 1970, o media art converteuse nunha categoría por si mesmo, cun emerxente número de artistas experimentando coas novas tecnoloxías. A videoarte é o exemplo mellor coñecido.
Este artigo sobre arte é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |