Asasinato de Alexandre I de Serbia

Asasinato de Alexandre I de Serbia
Ilustración do diario francés Le Petit Parisien sobre o asasinato de Alexandre de Serbia e a súa dona.
Contexto do acontecemento
Data29 de maioxul./ 11 de xuño de 1903greg.
LugarBelgrado, Serbia.
ImpulsoresOficiais do Exército serbio e políticos desafectos.
Goberno previo
GobernanteAlexandre I de Serbia
Forma de gobernoMonarquía autoritaria
Goberno resultante
GobernantePedro I de Serbia
Forma de gobernoMonarquía parlamentaria

O asasinato de Alexandre I de Serbia[a] tivo lugar o 29 de maioxul./ 11 de xuño de 1903greg. no palacio real de Belgrado. No ataque foron asasinados tanto o rei serbio como a súa dona, a raíña Draga Mašin, e o acontecemento foi crucial na historia do país, xa que produciu unha mudanza de dinastía, de modelo político e de orientación en política internacional.

Alexandre ascendeu ao trono do seu país en 1889,[2] o que non puxo fin aos continuos conflitos entre o seu pai, Milan I de Serbia, e a súa nai, Natalia Obrenović.[3] A este período de disputas entre os seus pais seguiu a formación dun duunvirato de feito entre Alexandre e seu pai —logo da eliminación da rexencia—, ata a súa toma do poder persoal en 1894.[3] En 1897 e tras a ruptura entre Alexandre e a súa nai, reforzouse a alianza entre pai e fillo e púxose fin aos intentos de concordia co Partido Radical Popular.[4] O poder gobernamental quedou nas mans do soberano, cunha prensa censurada e unhas Cortes controladas pola policía do réxime real.[5]

A comezos de 1900 Alexandre prometeu casar cunha princesa europea ese mesmo ano; a sucesión convertérase daquela nun problema gobernamental.[6] Con Milan xestionando a súa voda alemá no estranxeiro, o primeiro ministro tamén fóra do país e a pesar da oposición de altos funcionarios e oficiais, Alexandre comunicou ao seu pai os seus plans de voda con Draga Mašin a comezos de xullo.[7] Milan renunciou ao seu posto como comandante en xefe do Exército en protesta polos plans do seu fillo; os diversos rumores desfavorables á futura raíña —a quen se tachaba de filla dun demente e unha bébeda, de antiga amante de Milan e de estéril— fixeron o anuncio da inminente voda moi impopular.[8] Logo da voda, a nova soberana comezou a interferir nos asuntos de Goberno e a amosar unha grande influencia no seu marido, que tratou de mellorar a imaxe popular da súa dona.[9] O rei tentou achegarse aos Radicais, que contaban con firme apoio ruso, pero isto non serviu para acabar coa oposición; carente da habilidade de seu pai para xestionar a política interior, enfrontábase a unha crise política crecente.[10] A nova aparecida na primavera de 1901 de que Draga simulara un embarazo —cuxo parto era inminente— avivou o rexeitamento popular cara á soberana.[11] O fracaso de novos intentos de mellorar a reputación da raíña deron paso a outra onda de represión da oposición.[11]

Incómodo como monarca constitucional, Alexandre tratou de interferir constantemente nos labores gobernamentais.[12] Os Radicais, desexosos de acaparar o poder logo da súa gran vitoria electoral do verán de 1901, comezaron a afastarse do rei, ao que comezaron a culpar da grave crise económica do país.[13] No outono forzaron a dimisión do Goberno de coalición cos Progresistas.[14] Formouse un novo Goberno co xeneral Cincar-Marcović á fronte que incluía militares e Radicais favorables ao rei.[15] O gabinete tivo que enfrontarse ao rexeitamento da oposición e a unha gran manifestación encabezada polos estudantes que o 23 de marzoxul./ 5 de abril de 1903greg. exixiu a implantación dunha Constitución democrática.[16] Tras a dura represión da marcha, o rei concentrou en si mesmo o poder gobernamental.[16] Alexandre carecía ademais de firme apoio das potencias rexionais —Austria-Hungría e Rusia—.[17] Por outra banda, as relacións cos veciños Montenegro e con Bulgaria eran malas, debido á permanente disputa polo control de Macedonia.[17]

O réxime do rei Alexandre era cada vez máis impopular en todas as clases sociais.[18] En 1901 organizouse unha conspiración contra o soberano, fundamentalmente de membros do corpo de oficiais;[19] a prensa da oposición atizaba o descontento dos militares.[20] A principios de 1903 a situación era de gran tensión e o esmagamento das protestas de marzo e os plans do monarca de purgar o Exército de elementos desafectos aceleraron o plan para eliminalo.[18]

Temendo un golpe de man do rei contra eles, os confabulados decidiron atacar o palacio real a noite do 27 de maioxul./ 9 de xuño de 1903greg..[21] Ás 2 da mañá, en calma total, o palacio foi rodeado de acordo co plan.[22] Os atacantes venceron os gardas do interior do palacio e procederon a empregar artillaría e dinamita para asegurarse da morte dos monarcas, aos que non lograban atopar.[23] Os oficiais atoparon finalmente a cámara segreda onde se escondían Alexandre e Draga, que a abandonaron tras serlles garantida a súa seguridade; inmediatamente, os conspiradores dispararon contra eles.[24] Ademais dos monarcas, durante o golpe morreron o primeiro ministro, o ministro da Guerra e os irmáns da raíña.[24] Inmediatamente nomeouse un novo Goberno provisional e Pedro Karađorđević foi chamado para ocupar o trono vacante.[25]

O golpe de Estado e o asasinato dos soberanos non foi unha revolución, xa que non mudou o poder político nin a orde social, senón un cambio de dinastía —a Obrenović extinguiuse— e de goberno, así como de política internacional: o novo réxime achegouse a Rusia e creceu a hostilidade cara a Austria-Hungría, da que ata o momento Serbia dependera política e economicamente.[26]

  1. "Historia" (en castelán). Organización Nacional de Turismo de Serbia. Consultado o 27 de xullo de 2019. 
  2. Vucinich 1954, p. 1.
  3. 3,0 3,1 Dragnich 1978, p. 81.
  4. Dragnich 1978, p. 87-88.
  5. Dragnich 1978, p. 88.
  6. Vucinich 1954, p. 2.
  7. Vucinich 1954, p. 7.
  8. Vucinich 1954, p. 9.
  9. Vucinich 1954, p. 12.
  10. Vucinich 1954, p. 14-15.
  11. 11,0 11,1 Vucinich 1954, p. 19.
  12. Vucinich 1954, p. 20.
  13. Vucinich 1954, p. 21.
  14. Vucinich 1954, p. 21-22.
  15. Vucinich 1954, p. 22.
  16. 16,0 16,1 Vucinich 1954, p. 23.
  17. 17,0 17,1 Vucinich 1954, p. 24.
  18. 18,0 18,1 Vucinich 1954, p. 232.
  19. Vucinich 2006, p. 232.
  20. Dragnich 1978, p. 93.
  21. Vucinich 1954, p. 55.
  22. Vucinich 1954, p. 56.
  23. Vucinich 1954, p. 57.
  24. 24,0 24,1 Vucinich 1954, p. 58.
  25. Vucinich 1954, p. 60 y 232.
  26. Vucinich 1954, p. 232-233.


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/> correspondente


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in