A Asemblea Nacional (en francés: Assemblée nationale) é a cámara baixa do Parlamento francés bicameral baixo a Quinta República, sendo a cámara alta o Senado. A súa función é debater, propoñer e reformar leis, tamén ten a función de controlar a acción do Goberno. Encóntrase no Palacio Borbón en París. Dende 1986, a Asemblea Nacional conta con 577 membros, chamados deputados, elixidos por sufraxio universal directo con balotaxe por un período de cinco anos.
Hai 577 deputados, cada un elixido por unha circunscrición uninominal (ao menos un por departamento) a través dun sistema con balotaxe. Polo tanto, requírense 289 escanos para unha maioría. O Presidente da Asemblea Nacional, actualmente Richard Ferrand, preside o órgano. O titular do cargo soe ser un membro do partido con maior representación, asistido por vicepresidentes. O mandato da Asemblea Nacional é de cinco anos; porén, o Presidente da República poderá disolver a Asemblea (convocando a novas eleccións) a menos que fora disolta nos doce meses anteriores. Esta medida volveuse pouco conveniente dende o referendo do ano 2000 que reducíu o mandato presidencial de sete a cinco anos: dende 2002, o Presidente da República sempre tivo unha maioría na Asemblea debido a que é elixida dous meses despois da elección presidencial. En consecuencia, sería de pouco beneficio disolvelo.