O asfalto é un material viscoso, pegañento e de cor negra, usado como aglomerante en mesturas asfálticas para a construción de estradas ou autoestradas. Tamén é empregado en impermeabilizantes. Está presente no petróleo cru e composto case por completo de betume. O seu nome recorda o Lago Asfaltites (o Mar Morto), na cunca do río Xordán.
Ademais do sitio mencionado, atópase en estado natural formando unha mestura complexa de hidrocarburos sólidos en lagoas dalgunhas concas petroleiras, como sucede no lago de Guanoco, o lago de asfalto máis extenso do mundo (Estado Sucre, Venezuela), con 4 km² de extensión e 75 millóns de barrís de asfalto natural.