Asteraceae

As asteráceas (Asteraceae), tamén chamadas compostas (Compositae Giseke, nom. cons.), reúnen máis de 23.000 especies (Jeffrey, 2007; Stevens, 2001)[2] polo que son a familia de anxiospermas con maior riqueza e diversidade biolóxica. A familia está caracterizada por presentar as flores dispostas nunha inflorescencia composta denominada capítulo a cal se acha rodeada dunha ou máis filas de brácteas (invólucro).

O nome "Asteraceae" deriva do xénero tipo da familia Aster, termo que -á súa vez- provén do grego ἀστήρ que significa "estrela" e fai alusión á forma da inflorescencia. Doutra banda, o nome "compostas", máis antigo pero válido, fai referencia ao tipo particular de inflorescencia composta que caracteriza á familia[3] e que só se acha en moi poucas familias de anxiospermas.

As compostas presentan unha considerable importancia ecolóxica e económica. Os membros desta familia distribúense desde as rexións polares até os trópicos, conquistando todos os hábitats dispoñibles, desde os desertos secos até os pantanos e desde as selvas até os picos montañosos. En moitas rexións do mundo as compostas chegan a integrar até o 10% da flora vernácula. A familia contén algúns xéneros cunha gran cantidade de especies, como é o caso de Senecio (con 1250 especies), Hieracium (1000 especies) e Helichrysum (600 especies).

  1. Thorne, R. (2007) An updated classification of the class Magnoliopsida (“Angiospermae”) Arquivado 21 de novembro de 2008 en Wayback Machine.. The New York Botanical Garden. USA
  2. Jeffrey, C. 2007. Compositae: Introduction with key to tribes. Pages 61-87 in Families and Genera of Vascular Plants, vol. VIII, Flowering Plants, Eudicots, Asterales (J. W. Kadereit and C. Jeffrey, eds.). Springer-Verlag, Berlin
  3. International Code of Botanical Nomenclature. No seu artigo 18, inciso 5, di: "Os seguintes nomes, utilizados tradicionalmente, son tratados como válidamente publicados: Compositae (Asteraceae; tipo, Aster L.)..."

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy