Bananeira

A bananeira[1], plataneiro [2] ou plátano [3] (Musa × paradisiaca) é unha planta herbácea de orixe asiática pertencente ao xénero Musa, propia dos países tropicais, moi cultivada en diferentes zonas do globo polo seu froito: a banana, tamén coñecida coma plátano.

Bananeira e o nome científico Musa × paradisiaca (ou Musa paradisiaca) fan referencia a un gran número de plantas herbáceas do xénero Musa, tanto híbridos obtidos horticulturalmente a partir das especies silvestres o xénero Musa acuminata e Musa balbisiana como cultivares xeneticamente puros destas especies. Clasificada orixinalmente por Linnaeus coma Musa paradisiaca en 1753, a especie tipo do xénero Musa, estudos posteriores levaron á conclusión de que a complexa taxonomía do xénero inclúe numerosos híbridos, de variada composición xenética, e se ten desenvolvido un sistema estritamente sui generis de clasificación para dar conta desta variación. Porén, de acordó coas regras do Código Internacional de Nomenclatura Botánica, o nome linneano conta con prioridade, e segue a ser usado —tanto na súa forma orixinal como na modificada Musa × paradisiaca, que indica que se trata dun híbrido— para designar xenericamente a estas variedades.

Aínda que a Real Academia Galega recomende prioritariamente a forma banana, na nomenclatura vernácula galega (e española en xeral) trázase ás veces unha diferenza entre as bananas (normalmente máis grandes e que veñen de países tropicais) e plátano (normalmente máis pequeno e producido nas Illas Canarias); porén, en Hispanoamérica denominan bananas ás froitas consumidas crúas na sobremesa, e plátanos, aos froitos que, polo seu superior contido en fécula, deben asarse ou frixirse antes da súa inxesta. A diferenza non se corresponde exactamente con criterio xenético ningún; aínda que as variedades con maior presenza xenética de M. balbisiana acostuman estar comprendidas neste segundo grupo, non se pode determinar se unha planta producirá plátanos ou bananas simplemente pola súa constitución xenética. A confusión aumenta polo feito de que noutras rexións os termos son sinónimos (véxase, máis abaixo, apartado sobre Etimoloxía).

No entanto, este grupo de vexetais conforma a froita intertropical máis consumida do mundo. Trátase dunha falsa baga, de forma falcada ou alongada, que medra en acios (mans) de até 400 unidades e 50 kg de peso; de cor amarela cando está maduro, é doce e carnoso, rico en fibras, glícidos, potasio, vitamina A, vitamina C e triptófano, contén un antiácido natural moi útil contra a pirose; ademais, é baixo en sodio e baixo en graxas. É moito máis rico en calorías que a meirande parte das froitas polo seu gran contido en fécula; dos 125 gramos que pesa de media, o 25% é materia seca, que aporta unhas 120 calorías. Contén os glícidos máis dixeríbeis (o corpo pode queimar as calorías que ofrece moito máis facilmente que as que proveñen das graxas).[4]

Cultívase en máis de 130 países, desde o sueste asiático de onde son nativas, até Oceanía e América do Sur; o principal produtor mundial é a India,[5] onde se cultivan case un cuarto dos froitos comercializados no mundo, aínda que boa parte dos mesmos son para consumo doméstico. O principal exportador é o Ecuador, que xera case un terzo das exportacións globais. O volume de produción de bananas só é superado polo trigo (Triticum spp.), o arroz (Oryza sativa) e o millo (Zea mays). A produción continua de froito ao longo do ano fainos especialmente valiosos como alimento na época entre colleitas nos países tropicais; son as bananas de frixir as que cumpren este papel principalmente.

A banana é a froita tropical máis consumida en Galiza, sendo un alimento xa moi normal na dieta, iso si, soamente coma sobremesa. A maior parte das bananas que chegan a Galiza proceden das Illas Canarias, Camerún e o Ecuador. Algunha bananeira pode atoparse coma ornamental nos eidos estivais do sur de Galiza, porén non chegan a frutificar.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bananeira.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plataneiro.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plátano.
  4. (s/a) (abril 2012). Musa bananera. ¿Cómo ves?, revista de divulgación científica de la UNAM, año 14, no. 161, p. 19. ISSN 1870-3186.
  5. Agri-Food Business Development Centre Estatísticas de produción por países - lido o 01 de febreiro 2013

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy