Nome orixinal | (en) Edward Teach (en) Edward Thatch |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 1680 Bristol, Reino Unido |
Morte | 22 de novembro de 1718 (37/38 anos) Ocracoke (Reino de Gran Bretaña) |
Causa da morte | decapitación |
Actividade | |
Ocupación | pirata |
Período de actividade | 1716 - 1718 |
Carreira militar | |
Rango militar | capitán de navío Localización: Océano Atlántico, Caribe, Nave espacial: Vinganza da Raíña Ana |
Conflito | Guerra de Sucesión Española |
Familia | |
Cónxuxe | Mary Ormond |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Teach, Edward (DNB00) (en) Obálky knih, |
Edward Teach ou Edward Thatch, máis coñecido como Barbanegra (inglés: Blackbeard), nado circa 1680 e finado o 22 de novembro de 1718 en Ocracoke, Carolina do Norte, foi un pirata inglés que navegaba nas Indias Occidentais e na costa leste das trece Colonias. Aínda que non se sabe moito da súa infancia, probablemente naceu en Bristol, Inglaterra. Puido ter sido un mariñeiro en navíos corsarios durante a guerra da raíña Ana antes de estabelecerse na illa de Nova Providencia, nas Bahamas, lugar onde reuniu unha tripulación por volta de 1716. O capitán Benjamin Hornigold colocouno ao mando dunha corveta capturada, participando xuntos en numerosos actos de pirataría. As súas actuacións foron impulsadas coa incorporación á frota de dous barcos máis, un dos cales era comandado por Stede Bonnet, mais a finais de 1717 Horningold retirouse da pirataría levando dous dos navíos con el.
Teach capturou un buque mercante francés e deulle o nome de Queen Anne's Revenge (do inglés: Vinganza da raíña Ana), e equipouno con corenta canóns. O seu alcume derivaba da súa espesa barba negra e a súa aparencia, hai mesmo referencias a que acendía mechas no cabelo, debaixo do seu chapeu, para asustar os seus inimigos. Formou unha alianza de piratas e bloqueou o porto de Charleston. Após unha extorsión dos seus habitantes, encallou o Queen Anne's Revenge nun banco de area preto de Beaufort. Partiu en compañía de Bonnet, estabelecéndose na cidade de Bath, onde recibiu o perdón da coroa Británica. Con todo, logo volveu ao mar e atraeu a atención do gobernador de Virxinia, Alexander Spotswood. Spotswood organizou un grupo de soldados e mariñeiros para tentar capturar o pirata, o que conseguiron o 22 de novembro de 1718. Durante a batalla Teach e varios membros da súa tripulación faleceron a mans dunha pequena forza de mariñeiros liderados polo tenente Robert Maynard.
Considerado un líder astuto e calculador, Teach rexeitaba o uso da forza, confiando na súa aterradora imaxe para provocar a resposta que desexaba. Contrariamente ao clixé moderno do tradicional pirata tiránico, Barbanegra comandaba os seus barcos co beneplácito da súa tripulación, e non hai ningún rexistro coñecido de que tivese prexudicado ou asasinado nunca os seus prisioneiros. Foi idealizado trala súa morte e converteuse en fonte de inspiración para varias obras de ficción de temática pirata en diversos xéneros.