Batalla de Arras

A batalla de Arras foi unha batalla da primeira guerra mundial producida en Arras (Francia) entre o 9 de abril e o 16 de maio de 1917.

A primeiros de 1917, os aliados estaban determinados a romper as liñas alemás, que en teoría non poderían facer fronte nunha guerra de movementos. Tras varios intentos anteriores, o exército francés tomou a iniciativa noutra ocasión. O xeneral Nivelle deseñara un grande ataque ao longo de varios quilómetros, cunha combinación de artillaría e infantaría. 80 quilómetros ao norte, os aliados iniciaron un ataque de distracción, que retería no norte de Francia un gran número de soldados alemáns.

Os esforzos iniciais centráronse entre Vimy ao noroeste e Bullecourt ao sueste. As tropas canadenses, australianas e británicas combinadas lograron certos avances, pero sen poder furar as defensas xermanas. Nos días posteriores producíronse pequenos ataques para consolidar as posicións acadadas. Aínda que territorialmente houbo poucos cambios, ambos bandos sufriron severas baixas.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in