Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Batalla de Xutlandia | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A batalla de Xutlandia. | |||||||||
| |||||||||
Combatentes | |||||||||
Reino Unido * Australia * Canadá |
Alemaña | ||||||||
Comandantes | |||||||||
Sir John Jellicoe Sir David Beatty |
Reinhard Scheer Franz Hipper | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
151 barcos 28 acoirazados 9 cruceiros de batalla 8 cruceiros acoirazados 26 cruceiros lixeiros 78 destrutores 1 minador 1 portahidroavións |
99 barcos 16 acoirazados 5 cruceiros de batalla 6 pre-dreadnoughts 11 cruceiros lixeiros 61 torpedeiros | ||||||||
Efectos | |||||||||
Mortes: 6094 | Mortes: 2551 | ||||||||
Feridos: 674 | Feridos: 507 |
A batalla de Xutlandia (alemán: Skagerrakschlacht) foi unha batalla naval que enfrontou á Grand Fleet da Royal Navy (que tamén incluía barcos e persoal individual da Royal Australian Navy e a Royal Canadian Navy) contra a Hochseeflotte da Kaiserliche Marine durante a Primeira guerra mundial. A batalla tivo lugar entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916 no mar do Norte preto de Xutlandia, Dinamarca. Foi a meirande batalla naval e o único enfrontamento a grande escala do conflito. Foi o terceiro encontro entre acoirazados de aceiro, tras as máis pequenas pero máis decisivas batallas do Mar Amarelo (1904) e de Tsushima (1905) durante a guerra ruso-xaponesa.
A Hochseeflotte estaba comandada polo vicealmirante Reinhard Scheer, e a Grand Fleet polo almirante Sir John Jellicoe. A intención da frota alemá era atraer, atrapar e destruír unha parte da Grand Fleet, xa que a forza naval xermana era insuficiente para enfrontarse con éxito a toda a frota británica. Isto formaba parte dunha estratexia máis ampla para romper o bloqueo británico sobre Alemaña e así permitir que os mercantes alemáns operasen. Mentres tanto, a estratexia da Royal Navy era atacar e destruír a Hochseeflotte , ou manter á forza alemá lonxe das rutas de navegación británicas.
O plan alemán era o de usar ao rápido grupo de exploración do vicealmirante Franz Hipper, formado por cinco modernos cruceiros de batalla, para atraer aos escuadróns de acoirazados do vicealmirante Sir David Beatty cara a traxectoria da forza principal alemá. Anteriormente foron colocados submarinos nas probables zonas de paso dos barcos británicos. Porén, os británicos interceptaron sinais que lles fixeron sospeitar que probablemente houbese unha frota maior, polo que o 30 de maio Jellicoe navegou coa Grand Fleet para atoparse con Beatty, pasando sobre a liña de submarinos cando aínda non estaban preparados. O plan alemán atrasárase, causando máis problemas aos seus submarinos que chegaron ao límite do seu aguante no mar.
Na tarde do 31 de maio, Beatty atopou á forza de acoirazados de Hipper moito antes do que os alemáns agardaban. Hipper conseguiu levar a vangarda británica cara á traxectoria da Hochseeflotte. No momento no que Beatty avistou á frota principal regresou cara ao resto da frota británica, cando xa perdera dous cruceiros de batalla dun total de seis cruceiros e catro acoirazados, contra os cinco barcos comandados por Hipper. Os acoirazados, comandados polo contraalmirante Sir Hugh Evan-Thomas, foron os últimos en xirar e formaron a retagarda na retirada de Beatty, agora coa forza alemá perseguíndoos cara a principais posicións británicas. Entre as 18:30, cando o sol caía sobre o horizonte occidental, cegando ás forzas xermanas, e a caída da noite sobre as 20:30, as dúas frotas (cun total de 250 barcos) enfrontáronse directamente dúas veces.
Catorce barcos británicos e once alemáns foron afundidos con grandes perdas de vidas. Despois da posta de sol, e durante a noite, Jellicoe manobrou para cortarlles aos alemáns a retirada á base, coa esperanza de continuar a batalla a mañá seguinte, pero cubríndose na escuridade Scheer atravesou as forzas lixeiras británicas formando na retagarda da Grand Fleet e regresando a porto[1].
Ámbalas dúas partes reclamaron a vitoria. Os británicos perderon máis barcos e o dobre de mariñeiros, e a prensa do país criticou o fracaso da Grand Fleet para forzar un resultado decisivo, pero o plan de Scheer de destruír unha parte substancial da frota británica tamén fracasou. A "frota en potencia" alemá continuaba sendo unha ameaza, requirindo aos británicos manter os seus acoirazados concentrados no mar do Norte, pero a batalla confirmou a política xermana de evitar calquera contacto entre frotas. Ao final do ano, despois de máis infrutuosos intentos de reducir a vantaxe numérica da Royal Navy, a Kaiserliche Marine volveu os seus esforzos e recursos á guerra submarina sen restricións coa destrución de barcos aliados e neutrais, o que levaría en abril de 1917 á entrada dos Estados Unidos no conflito.