A Batracomiomaquia (Βατραχομυομαχία, do grego antigo βάτραχος, ‘ra’, μῦς, ‘rato’, e μάχη, ‘batalla’) ou a Batalla das ras e ratos é unha épica cómica ou parodia sobre a Ilíada, atribuída definitivamente a Homero polos romanos, pero que de acordo a Plutarco[1] sería unha obra de Pigres de Halicarnaso, o irmán (ou fillo) de Artemisia, raíña de Caria e aliada de Xerxes. Con todo, algúns autores modernos atribúena a un poeta anónimo da época de Alexandre Magno.[2]
A palabra «batracomiomaquia» chegou a significar ‘disputa estúpida’. A tradución alemá, Froschmäusekrieg, foi usada para describir disputas tales como a xurdida entre a Escola de Matemáticas e a de Socioloxía do Instituto de Estudos Avanzados de Princeton.