Beilstein (base de datos)

A base de datos Beilstein é a maior base de datos no campo da química orgánica, e identifica os compostos polo seu Número de Rexistro Beilstein. A base de datos cobre a literatura científica desde 1771 ata o presente e contén información de millóns de reaccións químicas validadas experimentalmente e de substancias químicas tomadas das publicacións científicas orixinais. A base de datos electrónica foi xerada orixinalmente a partir do libro Manual de Química Orgánica de Beilstein (Handbuch der organischen Chemie), creado inicialmente por Friedrich Konrad Beilstein en 1881, e sucesivamente posto ao día, e apareceu en liña con diferentes nomes, como Crossfire Beilstein. Desde 2009, o contido é mantido e distribuído por Elsevier Information Systems en Frankfurt co nome "Reaxys".[1]

A base de datos contén información sobre reaccións, substancias, estruturas e propiedades. Dispón de 350 campos que conteñen datos físicos e químicos (como o punto de fusión, índice de refracción etc.) para cada substancia. Tamén contén referencias á litertura na cal aparece a reacción ou a substancia. A finais de 2008 contiña 10 millóns de estruturas, 10 millóns de reaccións e 37 millóns de datos, e analizáronse 2 millóns de artigos orixinais.

Unha das edicións antigas do manual de Beilstein, no que se baseou a base de datos.

O contido do Beilstein está dispoñible a través de Reaxys [2] e é complementado con información tomada de Gmelin (o cal dá acceso á Gmelin Database), un gran repositorio de información sobre química organometálica e inorgánica, e tamén con información tomada da Patent Chemistry Database. A marca rexistrada Reaxys e a propia base de datos son propiedade e están protexidas por Elsevier Properties SA e son usadas con licenza.

  1. "Press Room". Reaxys. Arquivado dende o orixinal o 24-08-2011. Consultado o 17-03-2013. 
  2. "Reaxys". Arquivado dende o orixinal o 10-12-2010. Consultado o 04-01-2011. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in