A beta-queratina (β-queratina) é unha proteína da familia da queratina con estrutura de tipo folla β. Comparada co outro tipo de queratina, a alfa-queratina (α-queratina), a β-queratina é a máis dura das dúas. Estruturalmente a α-queratina ten unha estrutura α-helicoidal en hélice superenrolada, e as súas cadeas asócianse formando filamentos intermedios helicoidais e asociacións superiores, mentres que a β-queratina ten unha estrutura en folla β enroscada. As follas β permiten os enlaces de hidróxeno sen impedimentos estéricos entre os grupos amino e carboxilo do enlace peptídico en cadeas proteicas adxacentes, facilitando o seu estreito aliñamento e unha unión forte.
A diferenza da α-queratina, que se encontra en mamíferos, a β-queratina encóntrase en réptiles e aves.[1][2]
A β-queratina deposítase no estrato córneo da pel dos réptiles, dándolle moita rixidez (maior que a da pel dos mamíferos con α-queratina) e facéndoa impermeable á auga, o que impide a deshidratación do animal.
Nas aves, as escamas, peteiros, gadoupas e plumas conteñen tamén unha β-queratina pertencente á familia aviaria. Os estudos filoxenéticos das ecuencias da β-queratina mostran que as β-queratinas das plumas evolucionaron a partir das β-queratinas das escamas.[3] As β-queratinas das escamas forman o grupo basal de queratinas nas aves. Eventos de duplicación e diverxencia xénica levaron á aparición das β-queratinas das gadoupas, e unha ulterior recombinación orixinou novos xenes de β-queratinas aviarias das plumas ou similares ao tipo das plumas. As probas destes eventos de duplicación proceden da correlación da estrutura do clado da β-queratina das plumas cos seus loci xenómicos.[4]
Os cambios nas β-queratinas puideron influenciar o desenvolvemento do voo. Un estudo recente feito usando métodos de datación molecular para ligar a evolución dos xenes das β-queratinas aviarias en xeral coa das plumas en particular revelou que a familia das β-queratinas aviarias empezou a diverxer da familia das crocodilianas hai uns 216 millóns de anos.[4] Pero a familia das β-queratinas das plumas non empezou a diverxer ata hai 125 millóns de anos, unha data consistente coa radiación adaptativa das aves durante o Cretáceo. As β-queratinas encontradas nas plumas modernas incrementaron a súa elasticidade, o que seguramente contribuíu ao seu papel no voo.[4] Así, os anntepasados emplumados das aves, como Anchiornis e Archaeopteryx, cuxas capacidades de voo foron cuestionadas,[5] terían β-queratinas aviarias, pero non as do tipo das plumas.
O pequeno dinosauro alvarezsáurido Shuvuuia deserti mostrou probas de que tiña unha pel cuberta de plumas. As análises de Schweitzer et al. (1999) mostraron que estas estruturas de tipo pluma estaban formadas por β-queratina.[6]