Bosque

Bosque de faias en Dinamarca
Bosque de ribeira nas Fragas do Eume (Pontedeume)

Un bosque (da palabra xermánica busch: arbusto e por extensión monte de árbores), ou foresta (do latín foresta) se é de grande extensión,[1] é unha superficie con gran densidade de árbores pero con presenza de estratos arbustivos, herbáceos e musgos máis ou menos importantes. Estas comunidades de plantas cobren grandes áreas do globo terráqueo e funcionan como hábitats dos animais, moduladores de fluxos hidrolóxicos e conservadores do solo, constituíndo un dos aspectos máis importantes da biosfera da Terra. Aínda que a miúdo consideráronse como consumidores de dióxido de carbono, os bosques maduros son practicamente neutros en canto ao carbono, e son soamente os alterados e os novos os que actúan como devanditos consumidores.[2][3] De calquera xeito, os bosques maduros xogan un importante papel no ciclo global do carbono, como reservas estables de carbono e a súa eliminación comporta un incremento dos niveis de dióxido de carbono atmosférico.

Os bosques encóntranse en tódalas rexións en que é posible o seu crecemento, ata a altitude chamada "a liña das árbores" (liña tope imaxinara a partir da cal non se dá o crecemento, debido ó frío ou a escaseza de osíxeno) e excepto en zonas de baixa pluviosidade ou risco frecuente de incendios forestais. En xeral, os bosques conteñen un gran número de árbores de diferentes especies e alturas combinadas con capas de vexetación baixa, o que proporciona unha eficiente distribución da luz solar. Os bosques ás veces conteñen moitas especies de árbores dentro dunha pequena área (como a selva chuviosa tropical e o bosque temperado caducifolio), ou relativamente poucas especies en áreas grandes (por exemplo, a taiga e bosques áridos montañosos de coníferas). Un bosque, na súa forma natural, é o fogar de moitas especies animais e vexetais, e o peso da súa biomasa nun quilómetro cadrado dado é alto, comparado con outros ecosistemas. A maior parte desta biomasa áchase no subsolo nos sistemas de raíces e como detritos de plantas parcialmente descompostos. O compoñente leñoso dun bosque contén lignina, cuxa descomposición é relativamente lenta comparado con outros materiais orgánicos como a celulosa e outros carbohidratos.

A ciencia que estuda os bosques como explotación comercial denomínase silvicultura.[4]

A Organización das Nacións Unidas celebra o 21 de marzo como o Día Internacional dos Bosques, tamén coñecido como Día Forestal Mundial [5].

O 23 de novembro celébrase o Día Mundial dos Bosques Autóctonos [1].

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para foresta. Consultado o 8 de febreiro de 2017.
  2. Broeker, Wallace S. (2006). "Breathing easy, Et tu, O2" (en inglés). Columbia University. Consultado o 17 de xuño do 2015. 
  3. Pregitzer, K. and Uskirchen, S. 2004 "Carbon cycling and storage in world forests: biome patterns related to forest age.", Global Change Biology 10, 1–26 (en inglés)
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para silvicultura. Consultado o 8 de febreiro de 2017.
  5. "Día Internacional de los Bosques. 21 de marzo" (en castelán). Consultado o 27.11.2022. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy