Brucella

Brucella é un xénero de bacterias gramnegativas[1][2] que recibiu o seu nome polo patólogo escocés David Bruce (1855-1931). Son bacterias pequenas, de 0,5 a 0,7 por 0,6 a 1,5 µm), non móbiles, non encapsuladas con forma de cocobacilo, que funcionan como parasitos intracelulares facultativos.

As especies de Brucella son a causa da brucelose, que é unha zoonose, é dicir, que afecta a animais pero que se pode transmitir dos animais aos homes. Transmítese por inxerir comida contaminada (como produtos lácteos non pasteurizados), contacto directo con animais infectados, ou inhalación de aerosois. A transmisión de humano a humano é extremadamente rara, pero pode darse por contacto sexual ou de nai a fillo.[3] A brucelose tamén se considera unha enfermidade laboral debido á súa grande incidencia entre as persoas que traballan con animais (por exemplo en matadeiros). A mínima exposición infecciosa é de entre 10 - 100 organismos.

As Brucella patóxenas poden causar abortos en animais femias ao colonizaren o trofoblasto placentario, e esterilidade en machos.[4]

As distintas especies de Brucella son xeneticamente moi similares pero cada unha ten unha diferente especificidade de hóspede (véxase máis abaixo). Por esa razón, na taxonomía do NCBI a maioría das brucelas clasifícanse co nome Brucella melitensis.

  1. Ryan KJ, Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9. 
  2. Lopez-Goni, I; O'Callaghan, D (editor) (2012). Brucella: Molecular Microbiology and Genomics. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-93-6. 
  3. "Diagnosis and Management of Acute Brucellosis in Primary Care" (PDF). Brucella Subgroup of the Northern Ireland Regional Zoonoses Group. 2004. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de outubro de 2007. Consultado o 15 de xullo de 2013. 
  4. M.J. Corbel (1997) Brucellosis: an overview, Emerg. Infect. Dis. 3: 213-221.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy