Cabra

Cabrito doméstico.
Cabeza dunha cabra doméstica mona (sen cornos).

Capra é un xénero de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos e subfamilia dos caprinos coñecidos comunmente como cabras, cabras montesas ou cabras salvaxes, ou íbices.

O xénero comprende, segundo os autores, de 8 a 10 especies, entre elas a cabra montesa (Capra pyrenaica), o markhor (Capra falconeri) e o íbice ou cabra montesa dos Alpes (Capra ibex).

Porén, existen animais doutros xéneros (que non son Capra), pero da subfamilia dos caprinos, que ás veces se denominan "cabras", como as do xénero Oreammos, ao que pertence a chamada cabra das Montañas Rochosas (Oreamnos americanus).

As verdadeiras cabras salvaxes son orixinarias do centro-oeste de Asia, onde aínda viven a maioría das especies actuais, e desde onde colonizaron partes de Europa e o norte de África.

A cabra doméstica (Capra hircus aegagrus ou Capra aegagrus hircus, segundo os distintos autores) é unha subespecie domesticada da cabra salvaxe (Capra hircus ou C. aegagrus, segundo os autores). A súa domesticación data de hai uns 9.000 anos, durante o neolítico, cando apareceron as primeiras en Mesopotamia, e cuxa distribución actual, tanto na forma doméstica como asilvestrada, é practicamente cosmopolita.

As cabras domésticas son hoxe en día un dos principais animais domésticos en Oriente Medio, no norte e o leste de África e na Europa mediterránea.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in