Cantil

Os cantís máis altos de Europa. Santo André de Teixido, Cedeira (Galiza).
Cantís de Moher, Irlanda.
Acantilado de los Gigantes, Tenerife (España).
Isfjorden, Svalbard.

Un cantil ou acantilado é un accidente xeográfico que consiste nun lugar escarpado, de gran pendente vertical normalmente preto do mar, sobre o que forma un beiril ou balconada. Tamén poden considerarse cantís os que existen nas montañas, fallas e beiras dos ríos (cárcavas ou cavorcos).

Os cantís acostuman estar formados de rochas resistentes á erosión e ao desgaste pola acción da atmosfera, xeralmente rochas sedimentarias coma limonitas, arenitas, calcarias ou dolomías, malia aparecer tamén rochas magmáticas coma basaltos ou granitos, coma no caso das formacións galegas.

Unha escarpa é un caso particular de cantil, formada polo movemento dunha falla tectónica ou un derrubamento. A meirande parte dos cantís rematan a xeito de pendente no seu baseamento; en áreas áridas ou baixo grandes cantís, o noiro é polo xeral un amoreamento de rochas desprendidas, mentres que nas áreas de maior humidade, as rochas do noiro fican cubertas por unha camada de terra compactada pola humidade, formando un solo.

Moitos cantís presentan tamén fervenzas e espenucas ou furnas escavadas no baseamento. Ás veces os cantís morren ao final dunha crista, creando estruturas pétreas senlleiras.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in