Carl Edward Sagan, nado en Brooklyn (Nova York) o 9 de novembro de 1934 e finado en Seattle (estado de Washington) o 20 de decembro de 1996, foi un astrónomo, astrofísico, cosmólogo, astrobiólogo, escritor e divulgador científico estadounidense. Foi un defensor do pensamento escéptico científico e do método científico, pioneiro da exobioloxía e promotor da procura de intelixencia extraterrestre a través do Proxecto SETI. Impulsou o envío de mensaxes a bordo de sondas espaciais, destinadas a informar a posibles civilizacións extraterrestres acerca da cultura humana. Mediante as súas observacións da atmosfera de Venus, foi dos primeiros científicos en estudar o efecto invernadoiro a escala planetaria. Na Universidade Cornell, Carl Sagan foi o primeiro científico en ocupar a Cátedra David Duncan de Astronomía e Ciencias do Espazo, creada en 1976, e foi director do Laboratorio de Estudos Planetarios.
Carl Sagan gañou gran popularidade grazas á galardoada serie documental de Cosmos: A Personal Voyage, producida en 1980, da que foi narrador e coautor. Tamén publicou numerosos artigos científicos, e foi autor, coautor ou editor de máis dunha vintena de libros de divulgación científica, sendo os máis populares os seus libros Cosmos, publicado como complemento da serie, e Contact, no que se basea a película homónima de 1997.[1] Cosmos foi a serie máis vista da historia da televisión pública americana, foi vista por un mínimo de 500 millóns de persoas ó longo de 60 países diferentes.[2] En 1978 gañou o Premio Pulitzer de Literatura Xeral de Non Ficción polo seu libro The Dragons of Eden.
Ó longo da súa vida, Sagan recibiu numerosos premios e condecoracións polo seu labor como comunicador da ciencia e a cultura. Hoxe é considerado un dos divulgadores de ciencia máis carismáticos e influentes, grazas á súa capacidade de transmitir as ideas científicas e os aspectos culturais ó público non especializado con sinxeleza non exenta de rigor.