As catecolaminas son moléculas que posúen un núcleo de catecol (ou grupo 1,2-dihidroxibenceno), que consiste nun anel de benceno con dous grupos hidroxilo, e unha cadea lateral amina [1]. Entre as catecolaminas inclúense a dopamina, e as hormonas da medula adrenal adrenalina (epinefrina) e noradrenalina (norepinefrina) liberadas en resposta ao estrés.[2] Derivan do aminoácido tirosina.[3]
No corpo humano, as catecolaminas máis abundantes son a adrenalina (epinefrina), noradrenalina (norepinefrina) e dopamina, todas elas producidas a partir de fenilalanina e tirosina (e a propia tirosina deriva da fenilalanina). Funcionan como neurotransmisores e hormonas. Varias drogas psicoestimulantes son análogos das catecolaminas.
As catecolaminas son hidrosolubles e poden unirse a proteínas do plasma, polo que poden circular na corrente sanguínea.
A tirosina orixínase a partir da fenilalanina por hidroxilación realizada polo encima fenilalanina hidroxilase, aínda que a tirosina tamén pode ser inxerida directamente formando parte de proteínas dos alimentos. A tirosina chega ás neuronas secretoras de catecolaminas, e nelas, mediante unha serie de reaccións convértese en L-DOPA, dopamina, noradrenalina, e finalmente adrenalina.[4]