Cerdeira | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Prunus avium en Bilder ur Nordens Flora, de Carl Axel Magnus Lindman, 1917-1926. | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Prunus avium L., 1755 [1] |
A cerdeira ou cereixeira[1] (Prunus avium L.[2]) é unha árbore caducifolia que pertence á familia das Rosaceae e ao xénero Prunus (como as amendoeiras, os pexegueiros, as ameixeiras, e os albaricoqueiros). A froita da cerdeira, a cereixa, é redonda de cor encarnada máis ou menos escura (nas especies cultivadas pode chegar ao amarelo crema ou a case negra), de sabor doce ou lixeiramente amargo[3]. As variedades silvestres como a cerdeira brava, típica das fragas e ribeiras galegas, tamén se incluirían nesta mesma especie.
Un lugar poboado de cerdeiras é un cereixal. Porén, no oriente de Lugo, no Bierzo occidental e no occidente de Asturias, esta palabra úsase para nomear á cerdeira[4].
A guindeira (Prunus cerasus L.[5]) é parecida á cerdeira. Distínguese dela polo seu menor porte, por ter as follas máis pequenas e polas froitas de sabor amargo e cor encarnada brillante.
As dúas especies son orixinarias de Europa e de Asia occidental. Existen grandes hortas comerciais desde a Península Ibérica até Anatolia e as cerdeiras cultívanse até Gran Bretaña e o sur de Escandinavia. En América do Norte as doces cultívanse sobre todo no oeste e as ácidas na rexión dos Grandes Lagos.
Tamén unha especie silvestre de América do Norte, o capulín ou cerdeira de Virxinia (Prunus virginianus), produce unhas froitas agres pero de olor agradábel que se usan en México e Estados Unidos nos confeitos e outras comidas doces.
As cerdeiras plántanse moitas veces polas súas flores que aparecen na primavera. Unhas variedades ornamentais teñen os estames transformados en pétalos adicionais, así que non dan froitas senón que se cultivan só polo seu valor decorativo. En especial, a flor da cerdeira xaponesa, 桜 (sakura), é un símbolo nacional celebrado na festa anual Hanami.