Cerdeira

Cerdeira

Prunus avium en Bilder ur Nordens Flora, de Carl Axel Magnus Lindman, 1917-1926.
Clasificación científica
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Amygdaloideae
Tribo: Amygdaleae
Xénero: Prunus
Subxénero: Cerasus
Sección: Cerasus
Especie: P. avium
Nome binomial
Prunus avium
L., 1755 [1]
Cerdeiras en flor en Kyoto, Xapón.

A cerdeira ou cereixeira[1] (Prunus avium L.[2]) é unha árbore caducifolia que pertence á familia das Rosaceae e ao xénero Prunus (como as amendoeiras, os pexegueiros, as ameixeiras, e os albaricoqueiros). A froita da cerdeira, a cereixa, é redonda de cor encarnada máis ou menos escura (nas especies cultivadas pode chegar ao amarelo crema ou a case negra), de sabor doce ou lixeiramente amargo[3]. As variedades silvestres como a cerdeira brava, típica das fragas e ribeiras galegas, tamén se incluirían nesta mesma especie.

Un lugar poboado de cerdeiras é un cereixal. Porén, no oriente de Lugo, no Bierzo occidental e no occidente de Asturias, esta palabra úsase para nomear á cerdeira[4].

A guindeira (Prunus cerasus L.[5]) é parecida á cerdeira. Distínguese dela polo seu menor porte, por ter as follas máis pequenas e polas froitas de sabor amargo e cor encarnada brillante.

As dúas especies son orixinarias de Europa e de Asia occidental. Existen grandes hortas comerciais desde a Península Ibérica até Anatolia e as cerdeiras cultívanse até Gran Bretaña e o sur de Escandinavia. En América do Norte as doces cultívanse sobre todo no oeste e as ácidas na rexión dos Grandes Lagos.

Tamén unha especie silvestre de América do Norte, o capulín ou cerdeira de Virxinia (Prunus virginianus), produce unhas froitas agres pero de olor agradábel que se usan en México e Estados Unidos nos confeitos e outras comidas doces.

As cerdeiras plántanse moitas veces polas súas flores que aparecen na primavera. Unhas variedades ornamentais teñen os estames transformados en pétalos adicionais, así que non dan froitas senón que se cultivan só polo seu valor decorativo. En especial, a flor da cerdeira xaponesa, 桜 (sakura), é un símbolo nacional celebrado na festa anual Hanami.

  1. Cereixeira é unha forma menos recomendábel segundo a Real Academia Galega
  2. Nomes vernáculos de Prunus avium Arquivado 18 de setembro de 2016 en Wayback Machine. na web floraiberica.es do Real Jardín Botánico de Madrid. (en castelán)
  3. Características do xénero Prunus Arquivado 17 de outubro de 2013 en Wayback Machine. en floraiberica.es do Real Jardín Botánico de Madrid. (en castelán)
  4. Dicionario de dicionarios da Universidade de Vigo. Véxanse as definicións nos dicionarios de Elixio Rivas Quintas e de Bernardo Acevedo e outros.
  5. Nomes vernáculos de Prunus cerasus Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. na web floraiberica.es do Real Jardín Botánico de Madrid. (en castelán)

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy