Cerebro

cerebro humano
Sección saxital media do encéfalo (continuada coa 9: medula espiñal). Un contorno azul sinala o sistema ventricular.
1. Cerebro: 2. Telencéfalo, 3. Diencéfalo.
4. Tronco do encéfalo: 5. Mesencéfalo, 6. Protuberancia, 7. Bulbo raquídeo.
8. Cerebelo.

O cerebro (do latín cerebrum, coa súa raíz indoeuropea «ker» 'cabeza, no alto da cabeza' e «brum» 'levar'; tendo o significado arcaico de 'o que se leva na cabeza') é o centro de supervisión, de centralización e de cefalización do sistema nervioso, o de maior complexidade do reino animal.[1]

O cerebro encóntrase situado na cabeza, protexido polo cranio. Polo xeral, preto dos principais órganos dos sentidos como a visión, a audición, o equilibrio, o gusto e o olfacto. Corresponde, polo tanto, á parte antesuperior do encéfalo dos humanos e outros vertebrados e se subdivide en cerebro anterior, cerebro medio e cerebro posterior. Noutros animais, como os invertebrados bilaterais, enténdese por cerebro unha serie de ganglios arredor do esófago na parte anterior do corpo, comprendidos polo protocerebro, deutocerebro e tritocerebro nos artrópodos; ganglios cerebral, pleural e pedial nos moluscos gasterópodos; e masas supraesofágica e subesofágica en moluscos cefalópodos. Tamén posúen cerebros moi arcaicos ou simples bilaterais, os platihelmintos, os nematodos e os hemicordados. Porén, hai bilaterais que mostran moi poucos aspectos distintivos de cefalización como os bivalvos ou os briozoos. Nalgunhas especies de invertebrados non existe un cerebro por carecer completamente de sistema nervioso, como nos poríferos, nos placozoos ou nos mesozoos. Outros posúen un sistema nervioso, pero carecen de trazos definidos de centralización ou cefalización ao mostrar simetrías non bilaterais como os cnidarios, os ctenóforos ou os equinodermos.

Desde un punto de vista evolutivo e biolóxico, a función do cerebro como órgano, é exercer un control centralizado sobre os demais órganos do corpo. O cerebro actúa sobre o resto do organismo pola xeración de patróns de actividade muscular ou pola produción e secreción de substancias químicas chamadas hormonas. Este control centralizado permite respostas rápidas e coordinadas ante os cambios que se presentan no ambiente. Algúns tipos básicos de resposta tales como os reflexos poden estar mediados pola medula espiñal ou os ganglios periféricos, pero un sofisticado control intencional da conduta sobre a base da información sensorial complexa require a capacidade de integrar a información dun cerebro centralizado. Controla e coordina o comportamento, a homeostase (funcións corporais coma o latexo do corazón, a presión do sangue, o balance de fluídos e a temperatura do corpo) e as funcións mentais (a emoción, a memoria, a aprendizaxe etc.).

O cerebro dos vertebrados é o órgano máis complexo do corpo. Nun humano típico, a córtex cerebral (a parte máis grande) estímase que contén entre 15 e 33 mil millóns de neuronas,[2] transmitindo as súas mensaxes a outras neuronas mediante a sinapse. Estas neuronas comunícanse con outras a través de fibras largas de protoplasma chamadas axóns, as cales levan trens de impulsos eléctricos denominados potenciais de acción a partes distantes do cerebro ou do corpo, tendo como branco receptores específicos.

Desde unha perspectiva filosófica, o que fai ao cerebro especial en comparación cos outros órganos, é que forma a estrutura física que xera a mente. Como Hipócrates argumentaba: «Os homes deberían saber que do cerebro e nada máis que do cerebro veñen as alegrías, o placer, a risa, o ocio, as penas, a dor, o abatemento e as lamentacións». Porén, do corazón figurado e das súas emocións proceden certas sensacións concretas como o gozo, o amor e o contentamento.

Durante as primeiras etapas da psicoloxía, creuse que a mente debía separarse do cerebro. Pero posteriormente os científicos realizaron experimentos que chegaron a determinar que a mente era un compoñente no funcionamento cerebral pola expresión de certos comportamentos baseados no seu ambiente externo e o desenvolvemento do seu organismo. Os mecanismos polos cales a actividade cerebral dá lugar á conciencia e ao pensamento son moi díficiles de comprender: a pesar dos múltiples e rápidos avances científicos, segue habendo moitos misterios acerca de como funciona o cerebro. Na actualidade, as operacións das células cerebrais individuais son comprendidas con máis detalle, pero a forma en que cooperan entre os conxuntos de millóns foi moi difícil de descifrar. Así mesmo, os enfoques máis prometedores tratan ao cerebro coma unha «computadora biolóxica», totalmente diferente do mecanismo das computadoras electrónicas, pero similar no sentido que adquiren a información do mundo circundante, almacenándoa e procesándoa de múltiples formas.

Así a todo, pese a ser un dos órganos máis estudados, desenvolvéronse unha serie de conceptos erróneos que chegaron a ser asimilados pola sociedade como correctos, como é o caso da lenda que di que os humanos só utilizamos un 10 % do cerebro.[3]

  1. Hill, Richard (2006). Fisiología Animal (en castelán). Ed. Médica Panamericana. ISBN 978-84-7903-990-5. 
  2. Pelvig, DP; Pakkenberg, H; Stark, AK; Pakkenberg, B (2008). "Neocortical glial cell numbers in human brains". Neurobiology of Aging (en inglés) 29 (11): 1754–1762. PMID 17544173. doi:10.1016/j.neurobiolaging.2007.04.013. 
  3. Alonso, JR (2015). "El mito del 10 %". Principia (en castelán). ISSN 2386-5997. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy