Cesantes | |
---|---|
Concello | Redondela[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°18′36″N 8°36′43″O / 42.31, -8.612 |
Área | 12 km² |
Poboación | 3.370 hab. (2017) |
Densidade | 280,83 hab./km² |
Entidades de poboación | 5[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Pedro de Cesantes é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela. A parroquia de Cesantes limita ao Norte con Soutoxuste (O Viso, Redondela), ao leste coa parroquia do Viso, ao sur con Redondela e ao oeste coa ría de Vigo. Abarca, á parte do territorio peninsular, as illas de San Simón e San Antón. Nos tempos nos que era maioritariamente poboada por mariñeiros, popularmente era coñecida polo nome de "Os-Tras", que subsiste aínda entre a xente maior e nalgúns rótulos comerciais.
Os seus principais barrios son Outeiro das Penas, Carballiño, O Coto e San Pedro, pero podemos atopar subzonas coma A Pantalla, Catapeixe ou Couto do Mexo, ademais da illa de San Simón, que administrativamente pertence a Cesantes. A parroquia ten unha extensión aproximada de 12 km². A pesar de ser unha vila costeira conta cun relevo bastante irregular. A superficie arbórea rolda o 5 por cento e a parroquia é atravesada polo río Pexegueiro. Ten porto propio, lonxa e unha confraría de Pescadores, a confraría de San Xoán. Ademais aloxa un porto deportivo e un peirao.