Citocinese

Célula que case completou a súa citocinese. A frecha sinala o centrosoma que aínda é visible.
Ciliado experimentando citocinese, co suco de segmentación claramente visible.

A citocinese, do grego cyto- (célula) e kinesis (movemento), é o proceso no que o citoplasma dunha célula eucariota se divide para formar dúas células fillas. Consiste, pois, na división do citoplasma. Normalmente comeza durante as últimas fases da mitose, ou meiose, dividindo unha célula binucleada en dúas, para asegurar que o número de cromosomas se mantén dunha xeración a outra. Nas células animais unha notable excepción ao proceso normal da citocinese é a ovoxénese, (creación dun óvulo no folículo ovárico), na cal a citocinese non ten lugar no centro da célula, senón nunha zona máis excéntrica, orixinando unha célula con case todo o citoplasma, que é o óvulo, e outra moi pequena, chamada corpúsculo polar, que dexenera. Nas células das plantas fórmase unha estrutura chamada fragmoplasto que orixina pouco despois a placa celular divisoria no centro da célula, a partir da que se forma a parede celular definitiva entre as células fillas.

A citocinese é moi distinta do proceso procariótico da fisión binaria.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy