Os cloroplastos (do grego, chloros "verde", e plastes, "forma" ou "entidade") son orgánulos citoplasmáticos da célula encargados de realizar a fotosíntese en organismos eucariontes. Atópanse nas follas das plantas e mais en organismos protistas fotosintéticos. Os cloroplastos capturan a enerxía lumínica para conservaren enerxía libre en forma de ATP e reduciren o NADP+ a NADPH a través dun conxunto de procesos complexos chamado fotosíntese[1].
Están formados por un sistema de membranas interno onde se atopan localizados os sitios nos que de leva a cabo cada unha das partes do proceso fotosintético. Nos organismos procariontes fotosintéticos, o proceso lévase a cabo asociado a certas prolongacións cara ao interior da célula da membrana plasmática. O seu tamaño é relativamente grande, 5-10 micrómetros por 0,02-0,1 mm.
A súa orixe, consonte a Teoría endosimbionte, enténdese que foi unha cianobacteria primitiva fagocitada por unha célula, o cal explica o seu xeito de reprodución independente das mitoses da célula, que posúa ADN circular covalentemente fechado propio, dobre membrana, e ribosomas 70S, propios de bacterias.