Complexo maior de histocompatibilidade

O complexo maior de histocompatibilidade (CMH), abreviado xeralmente como MHC (do seu nome en inglés, major histocompatibility complex) e tamén chamado nalgunhas fontes complexo principal de histocompatibilidade[1], é unha molécula proteica da superficie celular codificada por unha gran familia de xenes presente en todos os vertebrados, que é fundamental para o funcionamento do sistema inmunitario. As proteínas MHC median as interaccións entre os distintos leucocitos, que son as células inmunitarias, e entre estes e outras células. O MHC é fundamental para a presentación de antíxenos que activa o sistema inmunitario, e determina a compatibilidade entre doante e receptor no transplante de órganos, e a susceptibilidade de sufrir unha enfermidade autoinmune por inmunización por reacción cruzada.

Por razóns históricas, nos humanos o MHC tamén se chama "antíxeno leucocitario humano" ou HLA (human leukocyte antigen). Nos humanos, os xenes MHC forman o denominado sistema HLA, porque estas proteínas se descubriron como antíxenos nos leucocitos, que podían detectarse con anticorpos.

Na presentación do antíxeno primeiro as proteínas que entran no corpo e as propias da célula son procesadas dentro da célula e divididas, e un fragmento delas (epítopo) será exposto (presentado) na superficie celular unido ás moléculas do MHC, onde pode ser recoñecido polos linfocitos.[2] O antíxeno presentado pode ser recoñecido como "propio" ou "non propio".

A familia de xenes MHC divídese en tres subgrupos ou clases: clase I, clase II, e clase III. A diversidade observada na presentación dos antíxenos, que está mediada polos MHC das clases I e II, conséguese de múltiples maneiras: (1) a codificación xenética dos MHC é polixénica, (2) os xenes MHC son moi polimórficos e teñen moitas variantes ou alelos, (3) varios xenes MHC exprésanse a partir dos dous alelos que se herdaron.

  1. Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. 1986. Páxina 1072. ISBN 84-282-0752-6.
  2. Kimball's Biology Arquivado 07 de marzo de 2018 en Wayback Machine., Histocompatibility Molecules

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in