En Galicia hai 313[1] concellos, que é a administración básica máis próxima á cidadanía. Deles 93 pertencen á provincia da Coruña, 67 á de Lugo, 92 á de Ourense, e 61 concellos están en Pontevedra. Desde 1989 están asociados na Federación Galega de Municipios e Provincias.
Con respecto aos demais concellos do Estado, os galegos son grandes en extensión e especialmente en poboación, pois só 21 teñen menos de 1000 habitantes (conforme o censo de 2011). Consecuentemente, a densidade de poboación de Galicia é maior cá media de España, máis especialmente na costa occidental.
O concello máis poboado é o de Vigo con 292 986 habitantes e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 219 habitantes no 2016. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,4 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,3 km². A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6449,32 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,92 hab./km² no 2016.