Crenza

A lenda da Ave fénix renacendo das súas cinzas é unha crenza na resurrección moi arraigada na civilización occidental.
Na imaxe, detalle do bestiario de Aberdeen, (século XII).

Unha crenza é unha idea que se considera verdadeira por quen a profesa, independentemente das probas eventuais da súa existencia, realidade ou posibilidade. Por metonimia, o termo designa tamén o obxecto desta crenza.

O concepto filosófico de crenza forma parte da teoría do coñecemento. As crenzas (relixiosas ou outras) tamén son obxecto de estudo da antropoloxía cultural. Asóciase ás veces este termo ao de superstición. Fálase ás veces de mito para designar unha crenza manifestamente falsa, pero compartida por un número determinado de persoas.

En filosofía, máis especificamente en epistemoloxía, crenza é unha condición psicolóxica que se define pola sensación de convicción relativa a unha determinada idea independentemente da súa procedencia ou posibilidade de verificación obxectiva. Daquela pode non ser fidedigna á realidade e representa o elemento subxectivo do coñecemento. Pode tamén entenderse como sinónimo de fe.

A definición de crenza sufriu cambios substanciais ao longo dos séculos, definíndose de formas diferentes en diferentes períodos, ben como convicción non conforme á razón, ben como convicción racionalmente fundada. Platón, iniciador da tradición epistemolóxica, opón a crenza (ou opinión —δόξα "dóxa"—, en grego) ao concepto de coñecemento como modelo de explicación contrario ás premisas relativistas suxeridas polos sofistas, que abordaban as crenzas/opinións e o coñecemento de forma indiscriminada, reducindo a verdade á conxectura de interese individual.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy