Cromatina

Diferentes niveis de condensación do ADN. (1) Fibra simple de ADN. (2) Fibra de cromatina (ADN con histonas, "colar de doas"). (3) Cromatina durante a interfase con centrómero. (4) Cromatina condensada durante a profase (con dúas copias de ADN). (5) Cromosoma durante a metafase.
Debuxo do núcleo. O núcleo está cheo de filamentos de cromatina (número 5).

A cromatina é o conxunto formado polo ADN, histonas e proteínas non histónicas que se encontra no núcleo das células eucariotas, visible ao microscopio electrónico como fibras finas enredadas durante a interfase do ciclo celular, e que durante o período de división celular constitúe o cromosoma eucariótico. Segundo o seu grao de empaquetamento a cromatina pode aparecer en tres estados, sucesivamente máis empaquetados, que son:

  1. A fibra de 10 nm de grosor ou "colar de doas".
  2. A fibra de 30 nm ou "solenoide".
  3. Os cromosomas mitóticos.

Hai algunhas excepcións a este esquema, xa que os espermatozoides e os glóbuos vermellos das aves presentan unha cromatina moito máis densamente enmpaquetada ca a da maioría das células eucariotas e os protozoos tripanosomátidos non condensan a cromatina a cromosomas durante a mitose.

As unidades básicas da cromatina son os nucleosomas. Estes están formados por ADN de aproximadamente 146 pares de bases de lonxitude (o número depende do organismo), asociado a un complexo específico de 8 histonas nucleosómicas (octámero de histonas). Toda a fibra de cromatina é unha sucesión de nucleosomas. Cada nucleosoma ten unha forma de disco, cun diámetro de 10-11 nm e contén dúas copias de cada unha das 4 histonas H3, H4, H2A e H2B. Este octámero forma un núcleo proteico arrededor do que se enrola a hélice de ADN (dá aproximadamente 1,8 voltas). Entre cada unha das asociacións de ADN e histonas existe un ADN libre chamado ADN "espazador", de lonxitude variable entre 0 e 80 pares de nucleótidos que lle dá flexibilidade á fibra de cromatina. Este tipo de organización, permite unha primeira compactación do material xenético, e dá lugar a unha estrutura semellante a un "colar de doas".

Posteriormente, un segundo nivel de organización de orde superior constitúeo a "fibra de 30nm" composta por grupos de nucleosomas empaquetados uns sobre outros adoptando disposicións regulares grazas á acción da histona H1.

Finalmente, se a célula se vai dividir, continúa o incremento do empaquetamiento do ADN ata obter os cromosomas que observamos na mitose, que acadan o seu maior grosor na metafase, momento no que se chega ao máximo nivel de condensación do ADN.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy